O Campus de Ourense convoca unha nova edición do seu concurso escolar sobre mulleres e nenas na ciencia

martes, 29 de novembro do 2022 S. P.

A Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense convocan a sétima edición do Concurso Escolar de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Poden presentar os seus traballos as alumnas e alumnos de Educación Primaria e de Educación Secundaria Obrigatoria de centros educativos ourensáns. As propostas terán que versar sobre a muller na ciencia e na enxeñaría. Poden achegar contribucións até o 20 de xaneiro de 2023.
Os obxectivos da iniciativa, que conta co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, son “promover o coñecemento por parte do alumnado do papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e as súas achegas ao desenvolvemento humano ao longo da historia; establecer un certame que axude a visualizar este papel e chamar a atención do alumnado preuniversitario sobre a ciencia, a enxeñaría e a súa contorna”.
A actividade, engaden, celébrase co gallo da conmemoración o 11 de febreiro do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.
Como dixemos, a participación está aberta a alumnado de Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria matriculado nos centros educativos da provincia de Ourense, establecéndose unha categoría para cada unha destas etapas educativas.
As modalidades para participar son dúas, podendo cada estudante participar exclusivamente nunha das modalidades cun único traballo, que deberá ser inédito e orixinal. En primeiro lugar, a modalidade visual está aberta a debuxos realizados con calquera material (lapis de cores, rotuladores, recortes para colaxe...) e recursos como o son, o vídeo ou a fotografía para crear obras ou propostas artísticas. Enviaranse en formato dixital ao enderezo da organización do concurso e non levarán o nome do autor ou autora de forma visíbel. As fotografías remitiranse en alta resolución (mínimo 1920 x 1080 píxeles), cun tamaño máximo de 20 MB. Os vídeos poden ter unha duración que oscile entre os 30 segundos e os 2 minutos. Os debuxos tamén deberán ser escaneados en alta resolución.
En segundo lugar, na modalidade literaria pódense presentar manuscritos escritos a man ou a computador e que, en calquera caso, enviaranse en formato dixital ao enderezo da organización do concurso. A extensión máxima do traballo será de aproximadamente 900 palabras, o que equivale aproximadamente ás dúas caras dun folio de tamaño A4, e non levarán o nome da autora ou autor de maneira visíbel. Deberá ser unha obra inédita e orixinal, especificando desde a organización que non se poden presentar resumos do que xa está escrito en Internet. Os traballos poderán estar escritos en galego ou en castelán nos xéneros de poesía e narrativa (contos, relatos).
O tema común dos traballos serán os referentes femininos nas disciplinas CTEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e matemáticas), como enxeñeiras, oceanógrafas, informáticas, matemáticas, físicas, biólogas, vulcanólogas, químicas, inventoras.
Un xurado composto por profesorado da Facultade de Ciencias, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e da Escola Superior de Enxeñaría Informática realizará a proposta de traballos gañadores. Na modalidade visual valorarase “a calidade técnica, a orixinalidade, a creatividade e o tratamento da temática do concurso” e na literaria “o estilo, a capacidade de razoamento, a orixinalidade e o tratamento da temática do concurso”. Haberá tres premios por cada unha das categorías e das modalidades. Os traballos premiados pasarán a ser propiedade da organización do certame e as autoras e autores cederán os dereitos de reprodución das súas obras. A entrega de galardóns será nun acto especial que se celebrará no Campus de Ourense na primeira quincena de febreiro coincidindo cos actos de conmemoración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia.

PUBLICIDADE