O Campus de Ferrol homenaxea a Ángela Ruiz, a precursora do libro electrónico

mércores, 15 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

A Biblioteca da Escola Politécnica Superior do Campus de Ferrol vai homenaxear esta semana á precursora do libro electrónico, a escritora e inventora galega Ángela Ruiz Robles. A conmemoración será este xoves 16 de maio, coincidindo co Día Internacional da Muller, coas vésperas do Día das Letras Galegas e o Día da Internet (as dúas festividades o 17 de maio) e coa recente celebración internacional do Día das Rapazas nas TIC. O acto consistirá no descubrimento dunha placa e previsto para as 13:15.
Na cita participarán a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres Miño; o director da escola, Armando Yáñez Casal; a bibliotecaria do centro, Beatriz Regueira Guntín; e tres das netas da homenaxeada, Elvira, Carmen e Marisa Souto Grandel.
A iniciativa de homenaxe enmárcase dentro do programa de actos deseñado pola Rede de Docencia e Investigación con Perspectiva de Xénero e a Oficina de Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña para conmemorar o Día Internacional da Muller. Nesta liña de recoñecemento ás contribucións femininas á ciencia e á tecnoloxía, a Facultade de Enfermaría e Podoloxía adicáballe unha aula do centro á precursora da enfermaría profesional moderna e creadora do primeiro modelo conceptual desta especialidade, a inglesa Florence Nightingale.
A profesora e inventora Ángela Ruiz foi a responsábel directa do aparello tecnolóxico considerado como “o libro electrónico dos anos cincuenta”, un prototipo que puidemos ver in situ no Museo de Tecnoloxía e Ciencia da Coruña e que malia non ter sido finalmente comercializado no seu tempo (sobre todo por mor dos escasos apoios orzamentarios que acadou a desenvolvedora) mostrou un importante potencial para o ensino interactivo e para ceibar aos nenos de ter que carrexar ás escolas inxentes cantidades de libros (o seu libro electrónico permitía ler diferentes volumes inseridos en carretes).
O dispositivo foi orixinalmente amosado ao mundo en 1949.
Ángela Ruiz naceu o 28 de marzo de hai 121 anos. Malia ter a súa orixe en León, pasou na nosa terra a maior parte da súa vida, máis polo miúdo en Ferrol. Naceu na localidade de Villamanín o 28 de marzo de 1895 e morreu o 27 de outubro de 1975 en Ferrol. Foi nesta cidade onde dona Angelita exerceu como mestra e tamén como desenvolvedora pioneira de material tecnolóxico ao servizo do coñecemento.

PUBLICIDADE