O Campus de Ferrol acolle este mércores unha xornada sobre as posibilidades da IA para a moda e o téxtil

luns, 20 de marzo do 2023 S. P.

A Aula Magna da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus de Ferrol (UDC) vai dar acollida esta semana (este mércores 22 de marzo, ás 11:00 horas) a un relatorio sobre tecnoloxías disruptivas cun enfoque empresarial e de emprendemento para o ámbito téxtil. Trátase da sesión práctica O futuro é hoxe. Intelixencia Artificial, Blockchain e Computación Cuántica nas nosas vidas, impartida por Fabricio Manceo, director de marca de Belda Lloréns, empresa alacantina de fíos sustentábeis.
A actividade está dirixida ao alumnado do grao en Xestión Industrial da Moda, que terá prioridade, aínda que tamén poderá participar o resto da comunidade universitaria.
Fabricio Mancebo é licenciado en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade Complutense de Madrid. Ao longo da súa carreira obtivo 14 premios en creatividade e desenvolvemento de proxectos innovadores, e en 2002, realizou os primeiros estudos que se coñecen sobre o desenvolvemento creativo en persoas con discapacidade funcional. Ten traballado con marcas como Bentley, El Pozo, Warner, Levi’s, Ribera Salud, Obra Social Caixa, Morgan Stanley, Energy System, Shiro Helmets, Maison Parfum, Caja Rural ou Grupo Vips. Actualmente é o director de Marca na empresa alacantina de fíos sustentábeis Belda LLoréns impulsando a marca Ecolife a nivel mundial.

PUBLICIDADE