O Caderno Verde de SOGAMA recibiu 210.000 visitas desde a súa posta en marcha

luns, 30 de agosto do 2021 S. P.

A entidade galega de medio ambiente SOGAMA fixo balance dalgúns fitos acadados pola súa plataforma dixital, Caderno Verde, ferramenta a disposición do alumnado de Infantil e Primaria que permite traballar todas as disciplinas do currículo académico “desde unha perspectiva ambiental e cunha atención especial á xestión dos residuos urbanos”. Segundo fixo saber, o portal educativo recibiu xa preto de 210.000 visitas dende a súa posta en marcha. Amais, foi quen de acadar a cifra de 1.257.516 páxinas ao longo da súa web.
Este medre, indica SOGAMA, foi especialmente notábel durante o ano pasado. Así, mentres que en 2019, recibiu 28.588 visitas, cun total de 190.641 páxinas vistas, en 2020 esta cifra subiu ata as 34.333, con 224.209 páxinas vistas.
Como dixemos, público obxectivo de Caderno Verde, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a través de SOGAMA, é o alumnado galego de Educación Infantil e Primaria coa intención de achegar ás novas xeracións ao mundo do medio ambiente a través da aprendizaxe, o xogo e o entretemento.
A web pon a disposición do alumnado unidades didácticas en galego, castelán e inglés nas que se lle dá unha especial relevancia á correcta xestión dos residuos urbanos pero sen esquecer outras cuestións tales como a mobilidade sostible, a protección da natureza e dos ecosistemas, o papel das enerxías renovábeis, o aforro enerxético ou a contaminación do aire. Cada temática é explicada por personaxes animados (os amigos de Vilaverde), complementándose este labor on actividades e materiais como os ecocontos, protagonizados neste caso polos membros da Familia Trebón, procedentes doutra Galaxia.

PUBLICIDADE