O Cactus de Lugo acolle hoxe un encontro sobre I+D para empresarios e investigadores

mércores, 2 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

A Universidade de Santiago (USC) está a organizar este mércores 2 de abril unha xornada sobre Dinamización da I+D+i entre empresas e investigadores do Campus de Lugo. A finalidade do encontro, tal e como o seu título indica, é asentar máis alicerces na cidade da Muralla para que a innovación no eido privado se dea de xeito tan doado como calquera outra operación empresarial. Asemade, o que se pretende é fomentar a relación entre profesionais, sexan do sector que sexa, e dar a coñecer as axudas da Consellería de Innovación para o ano 2008. A reunión estase a desenvolver xa na sala de reunións do edificio Cactus e está programada a concorrencia de máis de 20 empresarios e dun importante grupo de investigadores.
O vicerreitor adxunto de Investigación e Proxección Exterior, Agustín Merino, presentará esta xornada, na que intervirá en primeiro lugar o presidente da AGESTIC, José María López Bourio, para falar da Revista Dixital de Innovación e o Manual da Guía de Innovación editado pola entidade que preside.
O encontro proseguirá co relatorio da subdirectora xeral de Xestión do PGIDIT da Consellaría de Innovación, Xulia Guntín Araujo, que exporá as liñas de axudas e subvención en materia de I+D+i. A responsable da Área de Innovación da Consultora Serviguide, Natalia Nogueira López, porá fin á rolda de sesións dando a coñecer os apoios cos que poden contar as compañías para acadar máis competitividade e máis axilidade na xestión.

PUBLICIDADE