O CSIC Galicia conmemora o 11-F cunha manchea de actividades de divulgación offline e nas redes sociais

xoves, 10 de febreiro do 2022 S. P.

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) únese un ano máis en Galicia á conmemoración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, este venres 11 de febreiro. Faino cun programa de actividades que inclúe desde conferencias en centros de ensino a campañas en redes sociais.
Iniciativas da Delegación Institucional do CSIC en Galicia
Até o 18 de febreiro, a Unidade de Cultura Científica (UCC) do CSIC en Galicia leva a cabo no seu Instagram unha campaña de difusión das colaboracións con El Faro de Vigo, con especial énfase na sección Ciencia do día a día. O CSIC responde, que involucra a varios centros do Consello en Galicia. Precisamente esta semana a sección dedica un especial protagonismo á muller na I+D+i coa publicación do artigo Ás meniñas dicímoslles que loiten polos seus soños: son posíbeis?, no que a xornalista Selina Otero entrevista ás técnicas de apoio á investigación Lara García (IIM) e Cristina Álvarez (UTM).
Amais, este 11 de febreiro celebrarase un multitudinario encontro cos 56 centros educativos participantes no proxecto Faro da Escola, no que Lara García (IIM) e Cristina Álvarez (UTM) conversarán con alumnado e docentes sobre a súa vocación, o seu traballo e a súa experiencia a bordo de buques oceanográficos. O título desta actividade, que vén en dúas sesións para adaptarse aos distintos niveis dos escolares, é Ciencia en feminino. As científicas tamén foron á escola, e será
moderada pola responsábel da UCC do CSIC en Galicia, Luisa Martinez.
Tamén este venres 11 a Delegación Institucional do CSIC en Galicia (Santiago de Compostela) acolle un encontro entre o delegado do Goberno, José Miñones, o delegado institucional do CSIC en Galicia, Javier Rey, e científicas do CSIC en Galicia.
Iniciativas da Misión Biolóxica de Galicia
A MBG puxo en marcha no seu perfil en Twitter a campaña #somosmaioría, cuxa finalidade é visibilizar a posición da muller na I+D+i e, en concreto, na MBG, centro composto na súa maior p arte por mulleres tanto nos seus diferentes perfís como en postos de responsabilidade. Na campaña participan estudantes predoutorais e técnicas de investigación: Carmen Vega, Lucía Martín, Noemi Gesteiro, Ana Isabel Carballeda, Elena Zubiaurre e Beatriz Lago.
A campaña compleméntase con actividades de divulgación cuxo principal labor é promover o interese do público feminino de Pontevedra na ciencia.
Por unha banda, persoal de investigación da MBG está a visitar estes días centros de ensino da provincia de Pontevedra -CEIP Cabanas, CEIP San Martiño, CEIP Vilaverde- e CEIP Manuel Padín Truiteiro- para impartir charlas sobre as súas investigacións.
Por outra banda este venres a sede da MBG (El Palacio, Salcedo) acollerá a mesa redonda A muller na investigación: obstáculos e desafíos, que será moderada pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, María del Carmen Larriba e que contará coas intervencións de Elena Cartea, directora da MBG e xefa do grupo Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas; Carmen Martínez, xefa do grupo Viticultura, Oliveira e Rosa; e Ana Carballeda, axudante de investigación do grupo Bioquímica e Fisioloxía de Cultivos. Será ás 12.00 no salón de actos do Pazo e é de entrada libre até completar aforamento.
Iniciativas do Instituto de Estudos Galegos Pai Sarmiento
O IEGPS emitirá este venres no seu perfil en Twitter e na súa páxina web un vídeo divulgativo para visibilizar ás mulleres que, con diferentes perfís, desenvolven o seu labor no centro, e tamén ofrecerá un fío sobre Mulleres na Humanística galega.
O 16 de febreiro celebrarase o webinario Violante de Aragón en Galicia: Poder feminino e xeopolítica peninsular na segunda metade do século XIII, impartido por Rosa María Rodríguez Porto, da Universidade de Santiago de Compostela. Poderase seguir ás 17.00 horas a través de Conecta CSIC.
O 23 de febreiro ás 12.00 horas ofrecerá unha visita guiada ás súas instalacións, coa colaboración do Concello de Santiago, con motivo do Día de Rosalía de Castro e o 25 de febreiro acollerá o seminario de especialización Espazos litúrxicos en mosteiros femininos na Iberia medieval; impartido por Mercedes Pérez Vidal, da Universidade de Oviedo. Será ás 10.00 horas con entrada libre.
Iniciativas do Instituto de Investigacións Mariñas
Desde a UCC+i do centro e o grupo Procesos Oceánicos en Cambio Global redactaron un artigo divulgativo como primeira edición da iniciativa Lanternas da Ciencia, que nace coa perspectiva de repetirse nos seguintes 11-F. Nesta primeira edición, a investigadora predoutoral Marta López Mozos divulga a figura de Eunice Newton Foote, científica do século XIX e primeira persoa en describir os gases de efecto invernadoiro como posíbeis causantes do quecemento global. O artigo publicarase este venres en El Faro de Vigo e na web do centro. Apoiarase ademais nas ilustracións de Laura Romero (@laurandcolours) e en publicacións nas redes sociais do IIM que profundarán na información de mesmo.
O Servizo de Biblioteca do IIM, en colaboración coa UCC+i do centro, pon en marcha 11F: Roda Científica, un xogo didáctico con probas sobre algunhas das mulleres que marcaron un antes e un despois na ciencia, baseado no famoso programa Pasapalabra. O xogo, que xa está dispoñíbel no perfil de Twitter do Instituto, irá dando as respostas ao longo do mes até o día 8 de marzo (Día da Muller Traballadora).
Por último, ademais das charlas organizadas en colaboración coa UCC do CSIC en Galicia, o IIM completa o seu programa para esta xornada coa publicación do vídeo Embarcadas: unha ollada á vida das científicas no B/O Sarmiento de Gamboa, que se publicará o 23 de febreiro na súa canle de YouTube. O vídeo, gravado e producido pola investigadora Lara García Alves, presentarase nunha versión reducida á iniciativa #Cóntame11F, e mostra o traballo de varias científicas do IIM embarcadas na campaña do proxecto ECOSUMA, a finais de 2021.
Iniciativas do Instituto de Investigacións Agrobiológicas de Galicia
Esta semana Nieves Vidal González, do grupo Biotecnoloxía de Especies Leñosas, visita os centros de ensino Neira Vilas (Gondomar) e Eduardo Pondal (Cangas) para impartir charlas para o alumnado acerca da diversidade das árbores e o cultivo in vitro.
Maria Concepción Sánchez Fernández e Purificación Covelo Abeleira, do mesmo grupo, estarán estes días no CPR Inmaculada (Marín), IES Ortigueira (Ortigueira) e IES Plurilingüe Terra de Turonio (Gondomar) para falar ao alumnado sobre Viveiro de árbores e científicas e A ciencia non ten xénero.
Iniciativas do Centro de Supercomputación de Galicia
Este venres no salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) da Universidade de Santiago de Compostela, celébrase a Xornada (In)Formativa e Divulgativa Mulleres STEM do S. XXI. O seu obxectivo é dar a coñecer o relevante papel das mulleres no mundo profesional, empresarial e académico vinculados coas disciplinas STEM e visibilizar o talento das mesmas nos contextos profesionais STEM en Galicia.
O CESGA participa impartindo a conferencia inaugural A formación como ferramenta estratéxica para o desenvolvemento do talento feminino STEM, a cargo de María José Rodríguez Malmierca, responsábel do Departamento de e-Learning e ferramentas colaborativas do citado centro. A asistencia poderá realizarse con carácter presencial ou con carácter virtual.
Iniciativas do Instituto Español de Oceanografía
As actividades do IEO con motivo do 11-F enmárcanse á súa vez en Oceánicas a muller e a oceanografía, un proxecto do Instituto Español de Oceanografía en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía.
Persoal do Centro Oceanográfico da Coruña (Pilar Díaz, Dolores Garabana, Mónica Castaño, Elena Rey, Carlota Rodríguez e María Reparaz) imparte estes días charlas para o alumnado de CPI Castro Baxoi (Miño), IES Breamo (Pontedeume), CEIP Mestre Martínez Alonso (Mos), IES Nº1 de Ribeira (Ribeira), CEIP Jorge Juan (Perlío) e CEIP Vale-Inclán (Perillo).
A temática das charlas abrangue desde os perigos e os coidados dos océanos á contaminación marítima, pasando polo papel da muller científica.
Tamén, persoal desa sede do IEO farase unha fotografía e mostrará carteis da efeméride para reivindicar o acceso e a participación das mulleres e as nenas na educación, a capacitación, a ciencia e a tecnoloxía. Esta foto compartirase nas súas redes sociais en Facebook e Twitter.
Persoal do Centro Oceanográfico de Vigo imparte tamén esta semana charlas para o alumnado de CPI Cova Terreña (Baiona), C.P.R. Compañía de María (Vigo), CPI Curros Enríquez (Pazos de Borbén), EEI A Galeriña (Pazos de Borbén), IES Carlos Casares (Vigo), CEIP Frián (Vigo), IES Ricardo Mella (Vigo), San José de Cluny (Vigo), CEIP Santiago de Oliveira (Ponteareas), CEIP Ría de Vigo (Vigo), CEIP O Pombal (Vigo), Colexio Losada (Vigo) e CEIP San Martiño (Pontevedra). A temática das charlas abrangue desde as mulleres na oceanografía aos perigos dos plásticos nos océanos.

PUBLICIDADE