O CPIICYL premia a traxectoria profesional do presidente do CPEIG, Fernando Suárez

mércores, 20 de maio do 2015 Redacción

O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, recolleu na noite do pasado día 15 de maio o Premio i3 á Traxectoria Profesional que lle concedeu o Colexio de Informáticos de Castela e León dentro da gala celebrada no Mirador de Cristal do Museo da Ciencia de Valladolid.
Entre os méritos que se lle recoñecen, destaca o prestixio de Suárez Lorenzo dentro do sector e dentro do colectivo profesional da Enxeñaría en Informática. Responsable na actualidade de Innovación do Concello de Santiago de Compostela, forma parte moi activamente do movemento que impulsa as cidades intelixentes (Smart Cities) en España.
No eido colexial, é o vicepresidente primeiro do Consello Xeral da Enxeñaría Informática (CCII nas súas siglas en castelán) desde a súa fundación e presidente do CPEIG tamén desde a súa creación no ano 2007.
Enxeñeiro en Informática pola Universidade da Coruña, é profesor de diferentes masters na Universidade de Santiago de Compostela. Así mesmo, colabora coa Axencia da Calidade do Sistema Universitario de Galicia e con ANECA na comisión de avaliación de diferentes titulacións no eido das enxeñarías e da Enxeñaría en Informática.
Nas palabras que pronunciou ao recoller o galardón, o presidente do CPEIG destacou que a profesión “está cambiando o noso mundo a unha velocidade sen precedentes” e destacou o compromiso do profesional “claro e irrenunciable, en construír unha sociedade da información centrada na persoa, inclusiva e onde todos poidan crear, acceder, empregar e compartir a información e o coñecemento, para permitirlle ás persoas, comunidades e pobos acadar o seu pleno potencial na promoción do seu desenvolvemento sustentable e a mellora da súa calidade de vida”.
Asegurou que facía partícipe do seu premio a “tantas persoas que me axudaron nestes anos, cun agradecemento especial aos membros das distintas xuntas do CPEIG e do CCII”. Así mesmo, tamén tivo unhas palabras emocionadas de agradecemento para a súa familia.

A entrega do galardón fíxose durante a celebración da Noite da Enxeñaría en Informática de Castela e León

PUBLICIDADE