O CPEIG recoñece o labor de Código Cero a prol da divulgación informática

luns, 24 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

O equipo de Código Cero participando na gravación do programa Banda Ancha da Radio Galega

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, CPEIG, vén de comunicar a resolución dos seus premios Fin de Carreira e Comunicación Informática. O primeiro, apunta o colexio nun comunicado, irá dar a mans de Daniel Fernández Núñez, natural do Barco de Valdeorras, quen se impuxo sobre os seus competidores nesta segunda convocatoria do dito galardón grazas ao seu traballo Deseño e Implementación dun MON (Message Oriented Middleware) Escalable en Java para Aplicacións Financeiras. Polo que respecta ao segundo dos premios, sinalar que nos colle ben de preto en Código Cero. De feito, máis preto imposíbel, posto que vai dar, precisamente, ao Grupo Código Cero Comunicación pola súa contribución, vía codigocero.com, na achega de coñecemento informático, innovador e tecnolóxico, dende unha óptica galega, en galego e facendo fincapé en iniciativas de aquí.
Dende o grupo aproveitamos para agradecerlle ao CPEIG este recoñecemento, que tantos azos nos dá para seguir traballando nunha cuestión que consideramos prioritaria: levar a divulgación TIC a tódolos recantos posíbeis.
Lembrar que en Código Cero vimos de celebrar o décimo aniversario da nosa web e que en breve faremos o mesmo coa revista do mesmo nome. O grupo foi fundado por Xosé María Fernández Pazos, Marcus Fernández e Carlos Ballesteros.
A entrega dos premios terá lugar o vindeiro venres, día 28 de outubro, no transcurso da Terceira Noite da Enxeñaría en Informática, na que o interese común da defensa da Informática reunirá unhas 300 persoas no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela, relacionadas co sector TIC.
Volvendo a Daniel Fernández Núñez, formado na Universidade da Coruña, sinalar que acadou a máxima cualificación, un 10, na convocatoria de setembro de 2011. O traballo premiado, informa o CPEIG, está sendo obxecto dun proxecto de valorización comercial e transferencia de tecnoloxía a nivel internacional nun ámbito no que este tipo de proxectos se valora en máis de un millón de euros, “o que pon de manifesto a madureza e a proximidade ao mercado desta solución”, segundo salienta o premiado. Aínda que varias multinacionais TIC manifestaron o seu interese en adquirir esta tecnoloxía, a decisión final foi apostar pola maduración do proxecto en Galicia, inicialmente no seo da propia UDC.
Como xurado da modalidade Proxecto Fin de Carreira actuaron: Alberto Valderruten Vidal, decano da Facultade de Informática da Coruña; María José Carreira Nouche, subdirectora da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC; Enrique Barreiro Alonso, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo; Francisco Bago Castro, vogal do CPEIG e Fernando Suárez Lorenzo, presidente do CPEIG.
Na modalidade Comunicación Informática, como dixemos, resultou gañador o diario electrónico Código Cero, polo seu “intenso e rigoroso labor informativo a prol do sector TIC e da Enxeñaría en Informática en concreto”, segundo fixo saber o xurado. Foron xurado desta modalidade: Xosé Pereira, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC; Hernán Vila, vicepresidente do CPEIG; Francisco Bago, vogal do CPEIG, e o presidente do colexio, Fernando Suárez Lorenzo.
Os gañadores recibirán os seus galardóns o vindeiro venres, xunto cos seguintes premiados:
· Premio á Facultade de Informática da Coruña polo seu 25 aniversario.
· Premio á Traxectoria Profesional: Juan Pazos Sierra, primeiro doutor en Informática e catedrático de Enxeñaría do Coñecemento de España. Foi director do primeiro laboratorio de intelixencia artificial de España.
· Premio Iniciativa Empresarial: saída da consultora tecnolóxica Altia ao Mercado Alternativo Bursátil (MAB).
· Premio Iniciativa da Administración: proxecto Abalar, Xunta de Galicia.
· Premio Iniciativa Emprendedora: Iniciador Galicia. Punto de encontro para os emprendedores TIC galegos que xa conta con máis de 25 eventos, máis de 1.200 asistentes, máis de 900 seguidores por streaming, 1.700 followers en twitter e 350 seareiros en linkedin.


Patrocinadores
Como en ocasións anteriores, o CPEIG conta co patrocinio de diversas empresas e institucións para a organización da gala e dos premios. Colaboran como patrocinadores de ouro: Altia, Bahia Software, Bull, Everis, Hewlett-Packard, Plexus, Telefónica e Xunta de Galicia; como patrocinador de prata, o Concello de Santiago e como patrocinadores de bronce: Coremain, El Corte Inglés, Insa, Retegal, Tecnocom, Treelogic e La Caixa.

PUBLICIDADE