O CPETIG celebrou o seu curso de tratamento de evidencias dixitais
luns, 7 de outubro do 2019
O
Colexio Profesional de Enxeñaría
Técnica en Informática (CPETIG) celebrou estes días pasados
(venres 4 e sábado 5 de outubro) o
seu
Curso de Tratamento e análise de evidencias dixitais. A
actividade, que se desenvolve na Cidade da Cultura, na aula II,
achegouse como un preludio formativo da
nova xornada Iuristicgal, fixada para o 23 de outubro no mesmo
escenario compostelán.
Ao
curso, organizado en colaboración coa axencia autonómica AMTEGA,
asistiron unhas dúas ducias de persoas. Desenvolveuse a longo de
doce horas e contou coas intervencións de Víctor Salgado,
avogado-socio de Pintos&Salgado, Gonzalo Sotelo, policía
xudicial especialista en eCrime, Juan Luis Miguens e Miguel Abal,
secretario e vicesecretario do Colexio (achegando unha sesión de
tarde sobre Informe pericial: modelo normalizado do CPETIG).
Segundo
informou a entidade profesional galega, a oportunidade desta oferta
formativa “entronca directamente co carácter determinante do
axeitado estudo e análise das evidencias dixitais na informática
pericial, consideradas como calquera rexistro xerado ou almacenado
nun sistema dixital que poida ser utilizado como proba nun proceso
legal”. En palabras do CPETIG, un bo manexo das evidencias é hoxe
en día “un reto para os profesionais, peritos informáticos ou
telemáticos”, na medida en que utilizar os medios e métodos
idóneos resulta imprescindíbel para que non se malogre a finalidade
procesal.
O
curso achegou as claves para traballar de xeito eficaz coas
evidencias dixitais, de xeito que sirvan como un instrumento de valor
legal en procesos xudiciais ou en investigacións forenses, ofrecendo
formación especializada dirixida á adquisición de competencias e
coñecemento do catálogo de técnicas que poden ser combinadas para
o estudo de casos concretos de evidencias dixitais.