O CPEIG, recoñecido pola Axencia Española de Protección de Datos

xoves, 19 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) remata o ano recibindo unha nova e importante distinción ao seu labor de divulgación tecnolóxica, poñendo o foco (con actividades do colexio como Navega con Rumbo, entre outras) nun uso racional, seguro, útil e universal das novas ferramentas. Trátase do Premio ás Boas Prácticas Educativas en Privacidade e Protección de Datos Persoais para un Uso Seguro de Internet polos Menores da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD).
O recoñecemento insírese na modalidade de persoas ou organizacións que promoven e difunden o dereito fundamental á protección de datos persoais entre o alumnado de Educación Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, e contribúen a “conciencialo sobre o valor da privacidade e o uso responsábel da información de carácter persoal, tanto propia como de terceiras persoas, en Internet”.
O CPEIG, a respecto do premio, fai saber que este ten en parte a súa orixe na estratexia de sensibilización do colexio para o uso responsábel de Internet por parte dos estudantes de Primaria e Secundaria, unha estratexia que abrangue distintas iniciativas ou programas, “sempre en alianza con institucións educativas e tecnolóxicas axeitadas para sumar forzas a favor dunha Sociedade da Información na que a mocidade sexa a protagonista e teña os instrumentos necesarios para evitar riscos e non ser vítimas”. Estas iniciativas, explica o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, están baseadas en “concienciar directamente ao alumnado, desenvolvendo os programas nos propios centros escolares e de forma indirecta a través de proxenitores e profesorado, mediante formación impartida por colexiados e colexiadas do CPEIG”.
Estas accións artéllanse a través de catro iniciativas principais, que contan cunha longa traxectoria: Navega con Rumbo polo Ciberespazo (na que participaron 12.000 menores dende a súa posta en marcha, en 2010), o Día da Protección de Datos, o Concurso Literario Infantil e Xuvenil sobre a Protección De datos, e, tamén, as charlas en concellos sobre Internet segura e de datos persoais para menores, ademais doutras iniciativas de apoio coas que se pretende implicar a máis axentes políticos e sociais.

PUBLICIDADE