O CPEIG recoñece a Miguel A. Amutio e á enxeñeira en Informática cambadesa Aida Vidal

martes, 24 de novembro do 2020 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) deu a coñecer os nomes dos destinatarios do Premio Colexiado de Honra e do Premio Proxecto Fin de Mestrado. O Premio Colexiado de Honra irá dar a mans de Miguel A. Amutio, polas súas importantes contribucións ao desenvolvemento da Administración Electrónica en España. Pola súa banda, o Premio Proxecto Fin de Mestrado recaerá na cambadesa Aida Vidal, polo relevante potencial do seu proxecto de aplicación móbil de Realidade Aumentada con capacidade para minimizar a ansiedade e incentivar a actividade física en pacientes pediátricos de hospitalización de longa duración. As dúas distincións serán entregadas no marco da XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, a gran festa anual do CPEIG, prevista para o 27 de novembro, en formato adaptado ás normas anti-COVID, no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela.
Miguel A. Amutio Gómez é director da División de Planificación e Coordinación de Ciberseguridade da Secretaría Xeral de Administración Dixital e da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. Neste posto, desenvolve a dirección técnica e estratéxica do Centro de Operacións de Ciberseguridade da Administración Xeral do Estado e os seus organismos públicos, así como o desenvolvemento e aplicación do Real Decreto 3/2010 Esquema Nacional de Seguridade e as súas Instrucións Técnicas de Seguridade, ambas en estreita colaboración co Centro Criptolóxico Nacional (CCN).
Amutio é licenciado en Informática pola Universidade de Deusto (1988) e é titular das certificacións profesionais CISA, CISM e CRISC. Tras unha etapa de seis anos no sector privado, en 1994 ingresou como funcionario en prácticas no Corpo Superior de Tecnoloxías da Información e realizou as prácticas na Dirección Xeral de Informática Presupuestaria e na Subdirección Xeral de Custos de Persoal e Pensións Públicas.
Co seu nomeamento de funcionario de carreira, no posto de Técnico Superior de Tecnoloxías da Información incorporouse en 1995 ao Ministerio de Administracións Públicas, na Subdirección Xeral de Coordinación Informática. Posteriormente, desde 1998 foi conselleiro técnico de Normas Tecnolóxicas. A partir de 2006 foi xefe de Área de Planificación e Explotación. Desde 2014 a 2018, exerceu de subdirector adxunto na Subdirección Xeral de Coordinación de Unidades TIC.
O CPEIG salienta o seu importante traballo na coordinación do desenvolvemento e coordinación dos esquemas nacionais de interoperabilidade e seguridade e as súas respectivas normas técnicas, actuando no eido dos comités e grupos da Unión Europea, así como na difusión e comunicación.
O Colexio tamén lembra que Amutio coordina e edita diversas publicacións oficiais, como guías técnicas para a dixitalización electrónica da Administración Pública. Contribuíu tamén a múltiples publicacións, revistas e obras colectivas en temas de servizos transfronteirizos e Unión Europea, seguridade, auditoría, interoperabilidade, estándares, documento electrónico, entre outros. Recibiu diversos premios e recoñecementos pola súa contribución ao desenvolvemento do Esquema Nacional de Interoperabilidade e do Esquema Nacional de Seguridade.
Polo que se refire ao XI Premio Proxecto Fin de Carreira/ Mestrado en Enxeñaría en Informática, que ten unha dotación económica de 1.000 euros, recaeu en Aida Vidal Balea (Cambados, 1995), investigadora de novas tecnoloxías de Realidade Aumentada, polo seu proxecto Aplicación gamificada mediante realidade aumentada para incentivar a actividade física de pacientes pediátricos de longa estancia, como Traballo Fin de Mestrado na Universidade da Coruña (UDC).
Neste proxecto, Aida Vidal desenvolve unha aplicación móbil que serve para motivar a pacientes pediátricos e potenciar a súa actividade física, ao mesmo tempo que se pretende reducir o nivel de ansiedade provocado tralo ingreso hospitalario. Para realizar esta aplicación, Aida Vidal explica que se empregaron tecnoloxías de Realidade Aumentada para fomentar o movemento dos usuarios “dunha maneira amena e dinámica”. Contén xogos para usuarios de 6 a 14 anos que teñen como finalidade motivar a realización de actividade física moderada dos pacientes.
Tendo en conta a situación actual provocada pola pandemia da COVID-19, Aida Vidal destaca que “a aplicación podería proporcionar unha rutina personalizada a cada paciente segundo o que indique o persoal médico, xa que todas as actividades que se inclúen foron deseñadas para realizarse en interiores e espazos reducidos, polo que se adaptarían con facilidade ás situacións de confinamento vividas nestes meses”.
A enxeñeira en Informática sinala que a aplicación complementouse tamén cun sistema que permite a recolección e visualización dos datos de uso dos pacientes, proporcionando unha forma dinámica e indirecta de recoller datos sobre a súa mobilidade e estado de ánimo.
Actualmente, Aida Vidal realiza os estudos de doutoramento no Programa de Doutoramento de Tecnoloxías da Información e Comunicacións en Redes Móbiles da UDC.
Ademais, foron finalistas do premio Efraím Lema Vidal co proxecto Sistema multiplataforma de xestión de peticións e colas de reprodución para locais de ocio, e Jorge López Seijas coa contribución Sistema de control de acceso e ubicación de operarios en función da equipación requirida dentro da industria. Os tres enxeñeiros en Informática beneficiaranse dun ano de colexiación gratuíta.

PUBLICIDADE