O CPEIG publica unha guía TIC para familias e docentes no inicio do novo curso

mércores, 9 de setembro do 2020 S. P.

Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia

Comezan as clases para a meirande parte dos escolares da nosa terra (este xoves) e as incógnitas sobre como se vai desenvolver o curso son tan grandes, nesta complexa situación marcada pola COVID, que é difícil saber por onde comezar. No longo paquete de incertezas tamén hai unhas cantas cuestións tecnolóxicas relevantes, entre outras cousas porque está claro que as TIC terán este ano un papel máis relevante aínda có ano pasado. Para axudarnos a clarificalas, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de achegar unha serie de consellos para axudar aos pais, nais, titores e docentes a “faceren unha transición máis doada”. E mais, apunta a entidade que preside Fernando Suárez, “tendo en conta o gran papel que cumpre a informática nestes tempos de pandemia na educación dos menores, e presumindo que a formación online pode ter unha presenza destacada no contexto actual marcado pola COVID-19”.
Para comezar, o CPEIG explica que “é importante dispoñer dun equipo informático axeitado para estudantes, pais ou titores e docentes, aínda que todos deben estar preparados para os problemas tecnolóxicos que trae consigo á volta ao cole”. Os casos máis frecuentes, apunta o colectivo profesional, “poden ser problemas coa temperatura do terminal, fallos de conexión Wi-Fi, a pouca duración da batería do portátil, o almacenamento do ordenador e os problemas á hora de enviar arquivos pesados”. Para evitar o sobrequecemento da máquina, o CPEIG sinala que “é preciso manter limpo e libre de obstáculos o sistema de ventilación, detectar que funciona correctamente e entender que programas están mellor ou peor adaptados ás especificacións do seu ordenador”.
Por outra banda, o colexio lembra que son moitos os usuarios que se queixan de problemas de conexión que fan que a educación a distancia sexa imposíbel, malia ter contratado un acceso a Internet óptimo. Para emendalo, “pódese buscar unha localización mellor na casa que estea máis próximo ao router, usar puntos de acceso ou repetidores, ou recorrer a unha conexión por cable”, explican os expertos do CPEIG, poñendo o foco noutro problema relevante: a escasa autonomía dos portátiles, que se poden resentir por condicionantes como un uso intensivo ou unha inadecuada configuración da xestión de enerxía, un “grave problema que lle pode xurdir ao estudante especialmente se a batería se esgota durante unha clase importante ou un exame”. Segundo sinala o CPEIG, uns trucos sinxelos son “cambiar a configuración de enerxía do portátil, manter abertos só os programas que se estean usando ou reducir o brillo da pantalla”.
O colexio recorda que o almacenamento tamén é un cabalo de batalla no que “se debe traballar para mellorar o manexo de documentos e arquivos do ordenador e ter espazo libre”. A este respecto, os informáticos lembran que “existen solucións que van desde a eliminación de arquivos prescindíbeis e a desinstalación de aqueles programas aos que non se lles dá un uso frecuente, ata a incorporación dunha unidade de almacenamento externo que poida garantir un espazo extra”.
Por último, o CPEIG destaca que moitos pais soen queixarse da dificultade para enviar arquivos por email a raíz das limitacións de espazo que moitas plataformas de correo electrónico impoñen á hora de adxuntar elementos. O CPEIG propón como solución útil recorrer a servizos de almacenamento na nube, con de balde gratuítas como WeTransfer, Dropbox, Google Drive, OneDrive ou iCloud.
Protección de datos na volta ao cole
Outro aspecto non menos importante á hora de volver ao cole é a cuestión da privacidade. O CPEIG ofrece unha serie de consellos para pais, profesores e centros educativos para que fagan un esforzo na protección dos menores: “Deben ter un especial coidado coa publicación de fotografías, vídeos ou audios de rapaces, e deben pensar no contido dese arquivo antes de compartilo”.
Un punto destacado a ter en conta é a imaxe. O CPEIG sinala que os familiares que tomen fotografías nun evento do centro educativo, tales como festas, actividades deportivas, funcións de teatro, etc., “só poden facer uso delas no seu ámbito persoal e doméstico, e non compartilas nin publicalas en aberto nas redes sociais”.
Ademais, cando os centros queiran utilizar datos persoais dos alumnos cunha finalidade distinta á educativa, como o uso de imaxes para publicidade o promoción en redes sociais, “deberán informar aos pais ou titores, ou aos propios alumnos se estes son maiores de 14 anos, e solicitarlles o consentimento”.
Por outra banda, os centros educativos e profesores “deben prestar atención ás novas tecnoloxías que utilizan no desenvolvemento das súas labores educativas e na súa organización”. O CPEIG explica que algunhas apps e servizos na nube “poden non proporcionar a seguridade necesaria ou tratar os datos dos menores para crear perfís de aprendizaxe, preferencias ou comportamento”. E engade: “Os profesores só deben utilizar aplicacións que ofrezan a suficiente seguridade e estean supervisadas polo centro e informar aos pais ou titores. Por iso deben comunicarse preferiblemente con centro educativo a través das plataformas e medios proporcionados”.

PUBLICIDADE