O CPEIG premia o traballo do Club Financeiro Atlántico para converter Coruña en capital TIC

luns, 24 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

JPEG - 851 KB
Mariano Gómez-Ulla, presidente do Club Financeiro, xunto a Carlos Grau de Mobile World Capital Barcelona, durante a clausura da primeira edición da Mobile Week Coruña

Avanzámolo a semana pasada en Código Cero e hoxe o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) deuno a coñecer oficialmente: entre os premiados pola entidade profesional na edición 2019 da Noite da Enxeñaría en Informática atópase o Club Financeiro Atlántico (Premio Iniciativa Emprendedora). O motivo? O seu soporte organizativo para a Mobile Week Coruña.
Recollerán o premio Mariano Gómez-Ulla, presidente do Club, acompañado polo vicepresidente de Mobile Week Coruña, Manuel Gens, e o director executivo da Mobile Week Coruña, Guillermo Taboada.
Segundo lembra o CPEIG, a Mobile Week Coruña foi o evento internacional máis importante da historia de Galicia, organizado polo Club Financiero Atlántico da Coruña do 21 ao 28 de novembro de 2018 na cidade herculina e noutros trece municipios galegos, como un punto de encontro e un convite á reflexión da cidadanía no que se abordaron os grandes retos e oportunidades das tecnoloxías dixitais en clave de cultura, calidade de vida, privacidade, ética, sustentabilidade ou seguridade.
A organización contou coa colaboración das tres administracións públicas galegas: Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Concello da Coruña, que traballaron conxuntamente como exemplo de “compromiso e consenso coa transformación dixital”. Ademais, sumáronse máis de 60 asociacións, colexios profesionais (como o CPEIG), e institucións de toda Galicia, Cataluña e Portugal. Contouse tamén co patrocinio de empresas privadas, servindo o evento como “escaparate internacional de todas elas”.
O evento contou coa asistencia de 4.500 persoas que asistiron ás máis de 98 actividades impartidas por máis de 139 relatores, artistas e creadores, “todos eles comprometidos coa transformación social e o protagonismo da cidadanía”, recalca o CPEIG, engadindo que os indicadores de visualización foron “excelentes”, conseguíndose máis de 2.500 usuarios na plataforma dixital, máis de 1.500 participantes na dual streaming, e un notábel seguimento en redes sociais con máis de 13,5 millóns de cancelos.
O éxito do simposio, que por primeira vez se descentralizou de Barcelona co fin de achegar a transformación dixital aos cidadáns e servir de ponte dixital entre os eixos do Mediterráneo e o Atlántico, repetirá cunha segunda edición na Coruña do 25 ao 30 de novembro de 2019 onde os retos serán buscar máis participación da cidadanía, máis implicación da sociedade civil, analizar a xeración de tecnoloxías 5G, entre outros desafíos.

PUBLICIDADE