O CPEIG pon o acento na concienciación tecnolóxica na infancia e na adolescencia no Día de Internet Segura
luns, 9 de febreiro do 2026
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) súmase ás actividades do Día de Internet Segura (este martes, 10 de febreiro), que este ano céntranse en educar con seguridade dixital por medio do fomento do “uso seguro, responsable e crítico da intelixencia artificial”.
O CPEIG, a través do seu presidente, Fernando Suárez, explica que esta efeméride “é unha iniciativa internacional que desde fai máis de dúas décadas busca promover un uso seguro, responsable, respectuoso, crítico e creativo de Internet e das tecnoloxías dixitais”.
A xornada, engade o colexio, implica a centros educativos, familias, administracións públicas, profesionais e empresas tecnolóxicas, “co obxecto de concienciar sobre os riscos e oportunidades da contorna dixital e de dotar á cidadanía, especialmente a nenas, nenos e adolescentes, de ferramentas para desenvolverse nel de maneira autónoma e segura”.
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, explica que esta edición pon o foco na educación en seguridade dixital nun contexto marcado pola expansión da IA, subliñando a necesidade de formar en competencias dixitais integrais que permitan aproveitar o potencial destas tecnoloxías sen ignorar os riscos asociados. “A IA xa forma parte da vida cotiá dos menores, desde os sistemas de recomendación ata as ferramentas xenerativas, o que fai crucial fomentar o pensamento crítico, a capacidade de análise e a comprensión dos límites éticos e técnicos destas tecnoloxías”, asegura.
Segundo Suárez, esta preocupación está apoiada pola evidencia empírica. En 2025 presentouse o estudo Infancia, adolescencia e benestar dixital. Unha aproximación desde a saúde, a convivencia e a responsabilidade social, elaborado por UNICEF España, Red.es, Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Consejo General de Colegios de Ingeniería Informática (CCII), no que participou o CPEIG como colexio profesional integrante.
O presidente do CPEIG sinala que se trata “dunha das análises máis amplas realizadas en España sobre a relación da infancia e a adolescencia coa contorna dixital, incorporando a voz de decenas de miles de menores”. Segundo indica, o informe confirma un uso intensivo e temperán da tecnoloxía, avances en sensibilización e redución dalgunhas condutas de risco, pero tamén a persistencia de desafíos relevantes en materia de benestar emocional, convivencia dixital e exposición a contidos nocivos, “o que reforza a necesidade de actuar desde a educación, a prevención e as políticas públicas baseadas en evidencia”.
Nesta mesma liña, Fernando Suárez destaca que se sitúa o Plan Integral de Benestar Dixital de Galicia, impulsado pola Xunta de Galicia, no que o ámbito profesional e académico da enxeñaría informática participa de forma activa. Segundo Suárez, este plan responde á necesidade de abordar o uso da tecnoloxía desde unha perspectiva integral, incorporando medidas educativas, ferramentas de autorreflexión, compromisos compartidos entre centros educativos e familias, e o desenvolvemento de boas prácticas tecnodidácticas. “O seu obxectivo non é demonizar a tecnoloxía, senón promover un uso equilibrado e consciente que protexa o benestar da infancia e a adolescencia e garanta o respecto aos seus dereitos na contorna dixital”, apunta.
No marco do Día de Internet Segura, Suárez asegura que estas iniciativas poñen de relevo a necesidade de “seguir investindo en educación dixital, en alfabetización en intelixencia artificial e en políticas públicas baseadas no coñecemento experto e en datos contrastados, xa que só así poderá garantirse que a transformación dixital contribúa realmente ao desenvolvemento persoal, social e educativo da infancia e a mocidade, reforzando os seus dereitos e a súa autonomía nun entorno cada vez máis complexo”.
Desde o CPEIG, considérase fundamental reforzar este tipo de accións que apostan pola formación, a corresponsabilidade e a colaboración entre administracións, comunidade educativa, familias e profesionais tecnolóxicos. “O Día de Internet Segura é unha oportunidade para lembrar que a seguridade dixital e o uso crítico da IA non dependen unicamente da tecnoloxía, senón dunha educación sólida, continua e compartida que prepare a sociedade para un futuro dixital máis seguro, xusto e humano”, engade.
