O CPEIG outorga o Premio TFM en Informática a Rubén Pérez Jove
venres, 2 de xuño do 2023- O investigador Rubén Pérez Jove
O
Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG)
vai outorgar o Premio Traballo Fin de Máster en Enxeñaría
Informática a Rubén Pérez Jove, investigador do CITIC da UDC, polo
seu proxecto de deseño e desenvolvemento de fingerAI, unha
nova ferramenta no ámbito da ciberseguridade, de código aberto e
facilmente extensíbel, para resolver a tarefa de fingerprinting
de Sistemas Operativos (SOs) utilizando Intelixencia Artificial (IA).
Co
Premio Traballo Fin de Máster, o Colexio profesional busca achegarse
ao colectivo estudantil, promover as vantaxes da colexiación e
estimular o traballo dos estudantes. Os tres finalistas terán
dereito a un ano de colexiación, ao que se engade unha gratificación
económica de 1.000 euros para a persoa gañadora. A avaliación dos
traballos presentados correu a cargo dunha comisión experta
integrada por representantes do CPEIG e das tres universidades
galegas. Os tres finalistas da presente edición realizaron os seus
Traballos de Fin de Máster na Universidade da Coruña.
O
enxeñeiro en informática pola Universidade da Coruña (UDC), Rubén
Pérez Jove (O Burgo, Culleredo, 1998), presentou o seu TFM
Development of an Operating System Fingerprinting Tool Based on
Artificial Intelligence en 2022. Deseñou e desenvolveu unha
ferramenta de fingerprinting de sistemas operativos (SOs)
baseada en Intelixencia Artificial (IA). O fingerprinting
busca identificar información relevante dunha máquina, coma a súa
versión ou familia de SO, analizando unicamente seu tráfico de
rede. Para o desenvolvemento de fingerAI, Rubén Pérez
empregou prácticas ben asentadas dentro da enxeñaría do software,
coma principios e patróns de deseño, para conseguir una ferramenta
facilmente adaptable e extensíbel.
“Cando
un profesional da ciberseguridade pretende monitorizar unha rede, ou
auditala para descubrir posibles problemas de seguridade, unha das
principais tarefas que realiza é o fingerprinting de sistemas
operativos. Desta forma, pódese saber remotamente, analizando só o
tráfico de rede, que máquinas existen na rede e de que tipo son:
Windows, Linux, Mac, Android, iPhone... Por outra banda, a IA está a
cobrar cada vez máis relevancia en calquera ámbito da nosa vida, e
tamén na ciberseguridade. Con fingerAI pretendía crear unha
ferramenta que aplicase IA a esta tarefa, para que calquera
profesional da ciberseguridade a puidese utilizar no seu traballo
diario. Ademais, un dos obxectivos principais era obter unha
ferramenta que estivese dispoñíbel de forma pública como proxecto
de código aberto, de tal forma que calquera profesional ou
investigador puidese ampliala e adaptala ás súas necesidades”,
explica o enxeñeiro.
Segundo
salienta, esta ferramenta pode resultar crucial en diferentes
procesos relacionados coa ciberseguridade, como detalla o premiado,
tanto no aspecto ofensivo como no defensivo. Algunhas das súas
múltiples aplicacións son: a determinación de vulnerabilidades nun
equipo, o inventariado da infraestrutura informática, ou a detección
de dispositivos non autorizados na rede. A súa interface permite
ademais integrala de forma sinxela con outras ferramentas de
ciberseguridade, en fluxos máis complexos de procesamento de datos.
Actualmente,
Rubén Pérez Jove traballa na súa tese doutoral nunha temática
relacionada co seu TFM, na procura da aplicación de técnicas de IA
no ámbito da ciberseguridade. O investigador está adscrito ao
Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as
Comunicacións (CITIC) e forma parte do grupo de investigación
RNASA-IMEDIR da Universidade da Coruña (UDC). Adicionalmente
participa en multitude de competicións e retos, así como en
xornadas e charlas de divulgación e concienciación en
ciberseguridade.
O
CPEIG considera que “se trata dunha iniciativa relevante para
Galicia, que debe tomar o lugar que lle corresponde no ámbito da
ciberseguridade e a IA, tanto a nivel nacional como internacional”.
E engade: “Iniciativas deste tipo supoñen un impulso común para
acadar ese fin, e complementan os esforzos xa existentes nestas
materias como o nodo Ciber.gal ou a Axencia Española de Supervisión
da Intelixencia Artificial (AESIA)”.
Finalistas do Premio TFM
- Alejandro Mosteiro
Nesta
décimo cuarta edición do galardón foron tamén finalistas
Alejandro Manuel Mosteiro Vázquez, como segundo clasificado, e Hilda
Romero Velo, como terceira, ambos da UDC. O proxecto do enxeñeiro en
informática Alejandro Manuel Mosteiro (Venezuela, 1991), residente en
Arzúa, A Coruña), Monitorización de infraestruturas TI
incorporando sensórica baseada en IoT, ten por obxecto
proporcionar aos centros de datos unha alternativa de sistema de
monitoraxe de código aberto, brindando aos administradores unha
ferramenta poderosa que integra sensores de hardware aberto
compatibles con Arduino e integrados nunha contorna Zabbix.
O
sistema está baseado en protocolos e estándares IoT (Internet das
Cousas), para que sexa o máis flexíbel e modular posíbel, dando a
posibilidade de engadir sensores personalizados de forma sinxela con
só indicar a súa dirección IP e tipo de dispositivo. O sistema
está destinado a ser unha ferramenta de axuda para os
administradores no seu traballo, fácil de usar a través de
interfaces amigábeis e un deseño orientado a móbil para que poidan
acceder desde calquera lugar onde se atopen.
O
proxecto foi defendido por Alejandro en setembro de 2022 e, na
actualidade, séguese a traballar nesa liña como parte do seu
proxecto de tese de doutoramento, coa intención de mellorar os
resultados obtidos e ampliar as funcionalidades para conseguir
aplicar técnicas de predición de erros mediante Intelixencia
Artificial e técnicas de Realidade Virtual e Realidade Aumentada
para ofrecer interfaces máis modernas, adaptadas ás novas
tendencias.
- Hilda Romero
O
proxecto da enxeñeira en informática Hilda Romero (A Coruña, 1999)
ten como finalidade axudar aos pianistas, tanto estudantes coma
profesionais, ao longo da aprendizaxe inicial das partituras e
durante as actuacións, é dicir, na súa formación e vida
profesional. Trátase dunha extensión do proxecto Fugatra,
desenvolvido pola estudante como Traballo Fin de Grao no curso
2020/2021, que xorde da dificultade que afrontan os intérpretes á
hora de identificar os erros que cometen, aportando unha solución en
forma de aplicación web.
Concretamente,
Fugatra proporciona un portal no que os usuarios poden subir as súas
propias partituras en formato MusicXML, conectar o seu teclado,
gravar a entrada MIDI e obter unha representación gráfica dos
desacertos que cometeron mentres tocaban a partitura. Neste novo
proxecto retómase o propósito xeral e preséntanse novos avances
dentro dos bloques establecidos no plan de futuro definido para
Fugatra. Agora, nesta aplicación web poderase seleccionar a pasaxe a
ensaiar, desprazarse pola partitura mediante o recoñecemento de voz
permitindo ao usuario crear as súas propias configuracións segundo
onde precisa situarse en cada momento na obra e descargar a partitura
en formato PDF co zoom desexado.
Ademais,
tendo en conta que a conexión a Internet en salas de concertos e
auditorios pode non ser o suficientemente estábel como para que o
músico empregue a web de Fugatra, Hilda desenvolveu unha aplicación
móbil para ofrecer o servizo de desprazamento pola partitura en modo
offline, sen necesidade de preocuparse pola conexión á rede.
Deste xeito, despois de descargar as partituras almacenadas na web no
seu propio dispositivo, o usuario poderá visualizalas e moverse por
unha obra novamente segundo as súas propias configuracións pero,
nesta modalidade, usando dúas pulseiras Bluetooth con recoñecemento
de movemento axustables aos nocellos dos pés para indicar os
desprazamentos.
Deste
xeito, Fugatra busca achegar a cultura musical a máis xente,
facilitando a aprendizaxe e axudando aos intérpretes nos pequenos
quefaceres pondo solucións aos seus contratempos, nun principio
alleos ao ollo do público, mais, aínda así, reais.
“Ao
fin, Fugatra é unha mostra de como a Enxeñería Informática
incorpórase ao mundo para acompañar ás persoas no seu día a día,
facilitándolle cumprir cos seus obxectivos con eficiencia e
permitíndolle dedicar o seu tempo e a súa atención ás labores
propias”, explica o CPEIG.
O
galardón entregarase na XV Noite da
Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebrará o 16 de
xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. Rubén Pérez
recollerá a distinción no acto de entrega de premios. O evento é
un punto de encontro entre os colexiadas/os do CPEIG e un gran número
de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada
participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e
é un referente para o sector. A Noite é xa unha gala consolidada
onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo
desenvolto por enxeñeiras/os en informática dentro da sociedade da
información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.