O CPEIG organiza na ESEI de Ourense unha actividade formativa sobre Hardering Linux

martes, 19 de abril do 2016 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de abrir o prazo de inscrición para participarmos no seu Curso de Hardering Linux, do que se achegan un total de 20 prazas. O obxectivo da actividade formativa é amosar diferentes técnicas e metodoloxías para “fortificar sistemas Linux e os servizos que se poden executar no devandito sistema”. O curso desenvolverase seguindo a “folla de ruta” do modelo de defensa en profundidade (DiD, Defense in Depht), que permite, sinala o CPEIG, “ir protexendo diferentes capas ou escenas da organización”. Noutras palabras: DiD é unha metodoloxía de traballo que illa capas e divide as instalacións en distintas áreas, e todo co obxectivo de facer máis difícil o acceso aos servidores que acubillan a nosa información.
O curso ten unha duración de 20 horas. Celébrase na Escola Superior de Enxeñaría en Informática de Ourense os vindeiros 29 e 30 de abril e máis os días 6 e 7 de maio. Respecto dos contidos, ábrese cunha Introdución á fortificación (modelo defensa en profundidade, regras de ouro) e colle pulo cos bloques Protección física, Protección perimetral e rede interna, Protección capa aplicación, Fortificación de SSH e Fortificación de LAMP. Os encargados de impartir estes contidos serán Rafael Sánchez (analista en seguridade TIC con máis de oito anos de experiencia en tarefas de xestión e análises nunha manchea de proxectos técnicos; arestora é responsábel técnico de proxectos de protección en liña dentro da Área GCTO de Telefónica) e Pablo González (traballa en 11Paths – Telefónica Digital Identity & Privacy como xefe de proxectos e é docente no Máster de Seguridade de Tecnoloxías da Información na Universidade Europea de Madrid).