O CPEIG formará a docentes galegos en programación e protección de datos durante os vindeiros 2 meses

mércores, 2 de marzo do 2016 Redacción

O Programa de formación a docentes organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) ao abeiro do convenio asinado coa AMTEGA deu comezo o pasado día 23 de febreiro na Cidade da Cultura nunha xornada á que acudiu un cento de docentes, prevéndose que esta iniciativa beneficie a medio milleiro de profesores.
O convenio insírese dentro dos obxectivos do CPEIG de lograr a incorporación de toda a sociedade aos novos recursos tecnolóxicos da información e das comunicacións, e a implicación dos cidadáns galegos na utilización das novas tecnoloxías como factor xerador de novas capacidades, de emprego e de desenvolvemento económico.
A formación dirixida aos docentes é preferentemente sobre protección de datos de carácter persoal e capacitación para a introdución da programación no currículo educativo. O material que se utiliza nestas xornadas formativas e os relatores das mesmas son achegados polo CPEIG. Entre outros documentos, cómpre destacar o uso da Guía LOPD.
Entre as temáticas formativas inclúense: servizo de revisión e actualización continua da Guía LOPD, a raíz das novas consultas, normativa e casuística expostas; cursos formativos de protección de datos e cursos formativos en materia de programación.
As vindeiras citas nas que se desenvolverá este programa serán o 29 de marzo na Coruña, o 31 de marzo en Pontevedra, o 6 de abril en Lugo, o 7 de abril en Vigo, o 11 de abril en Ferrol e o 13 de abril en Ourense.

PUBLICIDADE