O CPEIG é convidado pola RAGC ao ciclo de conferencias tecnolóxico-dixitais que comeza hoxe

luns, 12 de decembro do 2016 Redacción

Javier García Tobío, director xerente do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e membro da xunta de goberno do CPEIG

Tal e como anunciamos os días pasados dende Código Cero, este serán ás 19 horas dá comezo o ciclo Tecnoloxías da Información e das Comunicacións: O futuro xa chegou, un evento organizado pola Real Academia Galega das Ciencias e celebrado no salón de actos da Confederación de Empresarios de Galicia (rúa do Vilar, 54, Santiago) no que se darán conta dos avances máis importantes e debates sobre temas de especial actualidade no eido das TIC. Este ciclo, que se estenderá até o día 15 deste mes, vai encamiñado a estudantes, doutorados e investigadores (máis ben do eido das TIC e afíns) profesionais e directivos de empresas e administracións públicas e a calquera interesado polos temas a tratar. A actividade conta coa participación, entre outros, do CPEIG.
En canto a relatores, o Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG) concorrerá con Francisco Javier Rodríguez Martínez (tesoureiro e director da ESEI) quen intervirá hoxe na mesa: Estamos formando os profesionais que necesita o sector das TIC?; Javier García Tobío (director do Centro de Supercomputación de Galicia-CESGA e vogal do colexio), quen moderará a mesa: Centros de I+D+i en TIC: Conexión co tecido produtivo, o día 14; e Fernando Suárez Lorenzo (presidente) quen intervirá no diálogo: Moi poucas mulleres en TIC: Causas e consecuencias, o día 15. O coordinar do ciclo será Senén Barro Ameneiro (catedrático da USC e académico da RAGC).

PUBLICIDADE