O CPEIG e AMTEGA ofrecen este verán máis de 30 xornadas argalleiras para a rapazada

xoves, 19 de xullo do 2018 Redacción

A rapazada que queira tecnoloxía este verán, tecnoloxía da que se fai coa mans de cada quen, vaina ter. E entre as entidades encargadas de proporcionarlla están o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e máis a a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que unen forzas novamente para organizar dende xullo até setembro unhas xornadas sobre robótica, pilotaxe de drons e creación de personaxes para videoxogos. As actividades están enmarcadas no programa Tech Kids, destinado a fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre a mocidade galega.
Segundo informan, desenvolveranse máis de 30 xornadas nas aulas CeMIT en diversos concellos das catro provincias galegas (Fisterra –mañá venres-20 de 9 a 14 horas na Aula de Deportes do Concello de Fisterra–, Arzúa, Bande, Carballedo, Beariz, Brión, Boiro, Ortigueira, Leiro, Guitiriz, Tomiño, Padrón, Xunqueira de Ambía, O Barco de Valdeorras, Ribeira, Santa Comba, Coruña, Cuntis, San Sadurniño, Cerceda, Abegondo, Valga, Celanova, Pontedeume, Ribadeo, Pontevedra, Vimianzo –outros pendentes de confirmación). O CPEIG e AMTEGA tamén sinalan que os mozos e mozas interesados en participar nestas xornadas deben inscribirse na Aula CeMIT da súa localidade.
O tesoureiro do CPEIG e responsábel do programa Tech Kids, Francisco Rodríguez, sinala que tanto o colexio profesional como a axencia teñen como obxectivo “fomentar o talento dixital das nenas e nenos de toda Galicia”. De feito, indica que cómpre asumir que a transformación tecnolóxica tamén atinxirá aos nosos xeitos de formarnos, traballar e producir, e, en base a isto, “moitos dos empregos actuais desaparecerán e haberá novos traballos con competencias no ámbito dixital”. En concreto, explica que “estes obradoiros pretenden mellorar a conciencia entre a xente nova de que a aplicación de computación e codificación para os problemas sociais reais pode axudar a cambiar o mundo”.
O representante do CPEIG apunta que nestas sesións celebraranse competicións nos distintos ámbitos do programa Tech Kids: programación, robótica, manexo de drons, creación de personaxes para videoxogos..., de xeito que se ofreza aos mozos e mozas unha oportunidade para “achegarse de forma lúdica e divertida á tecnoloxía e á enxeñaría en informática”. A mocidade participante, salienta, “deberá superar distintos retos e desafíos, aprendendo e poñendo en práctica o seu talento dixital e amosando a súa capacidade de resolución de problemas, ao tempo que desenvolverá competencias persoais como a creatividade e o interese pola ciencia e tecnoloxía”. Tamén se fará fincapé no fomento do talento dixital feminino, “para que as nenas e rapazas vexan a computación e a enxeñería como algo propio delas e consideren a profesión de Enxeñaría en Informática como un traballo que as axudará a acadar os seus soños e ambicións”.
Retos en programación e electrónica
Nas xornadas de retos de programación e robótica (Stem Scape Room), os desafíos para os participantes xirarán ao redor da iniciación á programación con Escornabot, Printbot ou programación de videoxogos con Makey Makey.
O reto da programación con Escornabot consistirá en percorrer un circuíto con obstáculos levando dun punto a outro o robot. Os rapaces terán que programar o Escornabot para que evite as dificultades e consiga chegar á meta dunha soa peza. A finalidade deste taller é iniciar aos nenos e nenas nos primeiros conceptos da programación, análise, resolución e ordenación.
O reto da programación con Printbot consistirá en programar un código que se executará no robot, que terá unha electrónica capaz de seguir unha liña negra sobre un fondo branco. “Os máis pequenos aprenderán a programar cunha linguaxe visual o código preciso para que o robot sexa quen de seguir a liña”, sinala o CPEIG.
Polo que atinxe ao reto da programación de videoxogos con Makey Makey, os cativos usarán esta ferramenta para achegarse á electrónica creando un proxecto no que se simulará o xogo de mesa de operación. Utilizando como linguaxe de programación o Scratch, os participantes programarán o seu propio videoxogo de operación.
Piloto de drons
A xornada de iniciación na pilotaxe de drons está destinada a rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos que coñecerán as súas partes, como se montan e como son capaces de voar. Tamén farán unha práctica empregando dous tipos de aeronaves: un overcraft (para entender os controis e movementos) e un dron co que percorrerán un circuíto e mesmo competirán entre eles.
Do deseño na fase de concept art até o modelado en 3D
E a última das xornadas, titulada Deseña a túa personaxe, estará destinada á creación de personaxes para videoxogos. Os máis pequenos aprenderán a crear un personaxe desde o seu deseño na fase de concept art até o seu modelado en 3D. Ademais, coñecerán os trucos precisos para enfrontarse aos puntos clave do proceso, como son a anatomía, dimensións, proporcións, sensacións que debe transmitir, así como a ambientación e historia do personaxe.

PUBLICIDADE