O CPEIG e AMTEGA inauguraron o Curso Superior de eAdministración

martes, 24 de setembro do 2019 Redacción

Sonia Rodríguez-Campos, Fernando Suárez, Mar Pereira e Miguel Ángel Amutio

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) inauguraron hoxe a novena edición do Curso Superior de Administración Electrónica. O acto, que estivo aberto ao público en xeral, celebrouse no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de Santiago de Compostela, presidido pola directora da axencia, Mar Pereira Álvarez, a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo.
A continuación, celebrouse un relatorio maxistral (Presente e futuro da administración electrónica) achegado polo director da División de Planificación e Coordinación de Ciberseguridade do Ministerio de Política Territorial e Función Pública, Miguel Ángel Amutio; e o analista independente e director de contidos de la revista Retina do xornal El País, Jaime García Cantero.
No transcurso da xornada de apertura, Fernando Suárez indicou que as administracións están obrigadas a adaptar os seus modelos organizativos e a relación cos cidadáns, a través de profesionais con competencias para abordar estes cambios de maneira axeitada e eficaz. “A Administración Electrónica é unha realidade sociolóxica e política, froito do uso da informática no ámbito público, que ten como principios fundamentais a inmediatez, a proximidade, a eficacia e a transparencia”. Suárez sinalou que esta realidade tamén está apoiada desde o punto de vista normativo, centradas actualmente na consolidación dos medios electrónicos como a pauta xeral na tramitación administrativa. “Un rexistro electrónico, unha cita automatizada, un padrón de habitantes instantáneo ou o pago dun tributo desde unha web son sen dúbida pasos importantes no camiño da Administración Electrónica, pero carecen de sentido se non forman parte dun proceso común, interoperábel, seguro e consolidado”, engadiu.
Mar Pereira subliñou que o acceso dos empregados públicos á formación é chave para que poidan desempeñar a súas funcións nun contexto dixital e intensificar o uso dos servizos dixitais. Ademais, adiantou que a Administración autonómica contará cun Plan de capacitación dixital do empregado público dirixido a todas as persoas que traballan nas administracións públicas galegas e que permitirá acadar o certificado galego de competencias dixitais. Sinalou tamén que se está a traballar na concreción deste marco de competencias dixitais, recollido na Lei de Administración Dixital de Galicia (LEDIXGA), e que se prevé que estea regulado no 2020.
Sonia Rodríguez-Campos, pola súa banda, salientou a importancia da formación do persoal empregado público para poder afrontar os retos tecnolóxicos e normativos que está a supoñer a eAdministración. Amais, destacou o éxito desta convocatoria que recibiu 400 solicitudes para 80 prazas dispoñíbeis.

Miguel Ángel Amutio na súa intervención


Na súa intervención, Miguel Ángel Amutio explicou que a transformación dixital é un feito que afecta a todos os ámbitos, incluíndo a organizacións, profesionais e cidadáns, aos seus medios e hábitos por razón da omnipresenza da tecnoloxía. Tamén sinalou que para a Administración é unha oportunidade de transformación, que vai alén do estritamente tecnolóxico, “para facilitar a aplicación das políticas públicas en xeral e de igualdade e acadar escenarios de servizos con maior orientación ao usuario”.
Amutio lembrou que a transformación global das institucións públicas implica a persoas, procesos, tecnoloxías e datos, e no caso de España esta estratexia aséntase en tres piares fundamentais: marco legal, cooperación e servizos.
Pola súa parte, o analista independente e director de contidos da revista Retina do xornal El País, Jaime García Cantero, manifestou que xa se ten superado o concepto de transformación dixital, e na actualidade fálase máis de mundo “posdixital”, xa que o dixital forma parte do noso día a día.

Jaime García Cantero durante o seu relatorio


Formación transversal
O Curso Superior de Administración Electrónica pretende afondar, desde unha perspectiva técnico-xurídica, na concepción da Administración Electrónica, incidindo na importancia que ten a súa implantación nas distintas entidades públicas da nosa Comunidade. O obxecto é integrar de maneira transversal todos os ámbitos que se relacionan coa eAdministración: tecnolóxicos, xurídicos, políticos, organizativos e comunicativos, entre outros.
Os contidos do programa enfocarán desde distintas perspectivas a administración electrónica para que as persoas ás que se dirixe “adquiran ou perfeccionen os coñecementos teóricos e prácticos da informática e do dereito, completando a súa formación no dereito TIC”.
O presidente do CPEIG sinala que o curso “sempre ten una alta demanda de matrículas e conta con profesionais de recoñecido prestixio en cada unhas das materias a abordar no seu transcurso”. Nas súas palabras, “esta formación capacitará a todos os alumnos para implementar proxectos de Administración Electrónica, avaliar o seu impacto sobre a calidade dos servizos e para que contribúan a mellorar o rendemento da Administración e as políticas públicas”.
A formación está destinada a persoal empregado público, en situación de servizo activo da Administración autonómica e entidades instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia. Celebrarase de forma semipresencial do 24 de setembro ao 22 de outubro, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas.

PUBLICIDADE