O CPEIG e AMTEGA inauguran o vindeiro martes o curso superior de eAdministración

mércores, 10 de outubro do 2018 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) inaugurarán o vindeiro 16 de outubro, o Curso Superior de Administración Electrónica, unha actividade destinada a introducir aos participantes na actualidade da dixitalización das institucións públicas, abordando as súas posibilidades (de cara ás propias administracións pero tamén de cara a cidadanía) e os seus principais retos. O acto, aberto ao público en xeral, será ás 11:00 horas no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de Santiago de Compostela.
A inauguración correrá a cargo da directora de AMTEGA, Mar Pereira, a directora da EGAP, Sonia Rodríguez, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez. Logo, celebrarase un relatorio maxistral, titulado Presente e futuro da Administración Electrónica, que será impartido polo vogal asesor do Departamento de Xestión Tributaria da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), Domingo Molina, e o socio de Consultoría de Sector Público EY, Carlos González.
Este curso pretende afondar (desde unha perspectiva técnico-xurídica) na concepción da Administración Electrónica, incidindo “na importancia que ten a súa implantación nas distintas institucións públicas da nosa Comunidade”. Os contidos do programa achegarán distintas perspectivas sobre o fenómeno do goberno dixital, co fin de que os participantes “adquiran ou perfeccionen os coñecementos teóricos e prácticos da informática e do dereito, completando a súa formación no dereito da informática”.
O presidente do CPEIG sinala que “o curso sempre ten una alta demanda de matrículas e conta con profesionais de recoñecido prestixio en cada unhas das materias a abordar no seu transcurso”.
A formación, que conta con 80 prazas, está destinada a persoal empregado público, en situación de servizo activo da Administración autonómica e entidades instrumentais da Comunidade de Galicia. Celebrarase do 16 de outubro ao 27 de novembro, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00.

PUBLICIDADE