O CPEIG convoca o XII Premio Traballo Fin de Mestrado en Enxeñaría Informática

mércores, 14 de xullo do 2021 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) convocou a décima segunda edición do Premio Traballo Fin de Mestrado en Enxeñaría Informática. O obxectivo deste galardón, en palabras do colexio que preside Fernando Suárez, é “ser un estímulo para os estudantes e titulados recentes ou mestrados en Enxeñaría en Informática”.
Nas bases do certame sinálase que poden concorrer ao premio todas aquelas enxeñeiras e enxeñeiros en Informática que presentaran nunha universidade galega o traballo fin de mestrado da Enxeñaría en Informática nos anos 2019, 2020 e 2021.
Aqueles estudantes que queiran optar ao premio do CPEIG poden remitir a documentación precisa (ficha resumo do traballo, resumo e memoria completa do mesmo) ata o día 27 de setembro ao seguinte enderezo electrónico: informacion@cpeig.gal. As bases e o formulario para presentar a candidatura están xa dispoñíbeis no portal www.cpeig.gal.
Mediante a organización deste premio, o colexio profesional busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes.
Os tres finalistas terán dereito a un ano de colexiación. O gañador ou gañadora recibirá, ademais, unha gratificación económica de 1.000 euros. Unha comisión experta, integrada por representantes do CPEIG e das tres universidades galegas, valorará os traballos recibidos e seleccionará o traballo gañador.
Noite da Enxeñaría en Informática
O devandito recoñecemento do CPEIG insírese nos premios da 13 Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, prevista para o día 29 de outubro en Santiago de Compostela. Este evento anual, ademais de representar un punto de encontro entre todos as/os colexiadas/os, conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector.

PUBLICIDADE