O CPEIG convoca a undécima edición do premio ao mellor proxecto de fin de carreira e mestrado

venres, 18 de setembro do 2020 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) convocou a undécima edición do Premio Proxecto Fin de Carreira e Mestrado en Enxeñaría Informática. O galardón quere ser “un estímulo para os estudantes e recentemente titulados ou mestrados en Enxeñaría en Informática”. Entregarase na duodécima edición da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que se celebra o 30 de outubro en Santiago.
Tal e como se recolle nas bases do devandito premio, “poden concorrer a el todas aquelas enxeñeiras e enxeñeiros en Informática que presentaran nunha universidade galega o proxecto fin de carreira da Enxeñaría en Informática ou o traballo fin de Mestrado en Enxeñaría Informática nos anos 2018, 2019 e 2020.
Aqueles estudantes que queiran optar ao galardón do CPEIG poden remitir a documentación precisa (ficha resumo do proxecto, resumo e memoria completa do mesmo) ata o día 3 de outubro ao seguinte enderezo electrónico: informacion@cpeig.gal. As bases e o formulario para presentar a candidatura están xa dispoñíbeis no portal do colexio.
Mediante a organización deste premio, o CPEIG busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes.
Os tres finalistas terán dereito a un ano de afiliación de balde e a asistir gratuitamente á Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia. O gañador ou gañadora recibirá, ademais, unha gratificación económica de 1.000 euros. Unha comisión experta, integrada por representantes do CPEIG e das tres universidades galegas, valorará os proxectos recibidos e seleccionará o traballo gañador.
A convocatoria realizada polo CPEIG insírese nos premios da XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que, como dixemos, o colexio organizará o día 30 de outubro en Santiago de Compostela. Este evento anual, ademais de representar un punto de encontro entre todos os colexiados, conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector.

PUBLICIDADE