O CPEIG colabora no máster de dirección de proxectos da IFEE Business School

xoves, 7 de setembro do 2017 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) colabora no desenvolvemento do Máster de Dirección de Proxectos e Xestión Empresarial que imparte a entidade IFFE Business School na súa sede de Oleiros, A Coruña. Segundo nos conta Fernando Suárez, presidente do CPEIG e (a maiores) director do propio máster, esta actividade formativa ten a súa orixe na frutífera e estreita relación entre a escola IFFE e máis a entidade profesional TI. O colexio e a escola de negocios coinciden en salientar as posibilidades que se abren co máster: é indispensábel para garantir que nunha empresa se consigan os obxectivos propostos no seu plan estratéxico, permite coñecer as múltiples metodoloxías do project management e, ademais, sitúa aos profesionais participantes no centro de valor dunha empresa.
Respecto das vantaxes que inclúe, está enfocado á realidade dunha iniciativa empresarial, céntrase no ensino efectivo (o alumno é o centro de atención de todas as actividades académicas), dispón dun salientábel cadro de persoal de docentes (formado por executivos e especialistas con procedencia nas compañías e institucións máis referenciais), desenvólvese cunha metodoloxía activo-participativa que facilita e potencia os procesos de aprendizaxe (desde a propia reflexión, a posta en común e o debate), e, maiores, ten lugar nunha contorna académica, o Campus IFFE, no que, en palabras da organización, “xérase un auténtico ecosistema de aprendizaxe colaborativa”.
O máster celebrarase de outubro a xullo, os venres pola tarde e os sábados pola mañá, na sede do Campus.
Os seus obxectivos fundamentais son tres: permitir que se coñeza ao detalle a función que cumpre a oficina de proxectos cara ao interior e o exterior das empresas, especializar ao alumnado na dirección e xestión de proxectos (tanto nos seus aspectos técnicos como humanos) e aprender a empregar de maneira eficaz as ferramentas de xestión propias dos proxectos.

PUBLICIDADE