O CPEIG colabora na formación en TIC para mulleres galegas

venres, 27 de decembro do 2013 Redacción

Fernando Suárez, presidente do CPEIG, estivo presente no acto de entrega celebrado en Porto do Son

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe no acto de entrega dos diplomas ás mulleres que participaron no curso do Programa Rede Emprende en Igualdade que se impartiu durante catro días en Porto do Son. Durante estas xornadas, as alumnas recibiron formación e asesoramento en aspectos como a iniciación a Internet e redes sociais, novas tecnoloxías e emprendemento, novas tecnoloxías e busca de emprego, e redes e transposición de experiencias.
Este programa, que naceu como unha experiencia piloto, ofrece unha serie de cursos de asesoramento, formación e apoio a mulleres potencialmente emprendedoras, en busca de emprego e con ansias de formarse. O obxectivo é axudalas na posta en marcha ou modernización das súas empresas e na procura de emprego para fomentar a súa adaptabilidade e concorrencia no mercado actual. A iniciativa inscríbese no VI Plan Galego para a Igualdade entre Homes e Mulleres, da Secretaría Xeral de Igualdade.
Ademais de en Porto do Son, nesta primeira edición, tamén recibiron formación a mulleres de Guitiriz, Quiroga, Leiro, Xunqueira de Ambía, Vedra, Abegondo, Tui, A Cañiza e O Carballiño, para o que a Secretaría Xeral de Igualdade contou coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).

PUBLICIDADE