O CPEIG, a UVigo e a UDC volven pechar fileiras arredor da Hora do Código

martes, 12 de decembro do 2017 Fernando Sarasketa

Fernando Suárez, presidente do CPEIG, na entrada da Facultade de Informática da Coruña

Chega a recta final de ano e, como de costume, é o intre de lembrar aos demais e anos mesmos a importancia de ter coñecementos, aínda que básicos, de programación. Por que? Pois por moitos motivos, comezando por un feito do que falamos recentemente dende Código Cero: os estudantes formados en cuestións informáticas seguen a ser os máis demandados do mercado laboral, e nada indica que esta situación vaia mudar a medio e curto prazo. Pór de relevo as vantaxes de contarmos con formación para programar, aínda que básica, é un dos grandes obxectivos da Hora do Código, posta en marcha pola entidade internacional Code.org, organismo público sen fins de lucro adicado a ampliar a participación en Informática. Con respecto á nosa terra, a Hora do Código ten un dos seus grandes valedores no Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), que vén de anunciar, precisamente, a súa participación nas actividades preparadas para o día 16 nos nosos campus.
A edición galega da Hora do Código terá dous eixes de acción fundamentais, como vén sendo costume: por unha banda o Campus de Ourense (Escola Superior de Enxeñaría Informática, ESEI) da Universidade de Vigo e, pola outra, o Campus da Corruña (Facultade de Informática, FIC) da UDC. A cita (dupla) será este sábado día 16. Por suposto, haberá obradoiros cen por cen de balde, dirixidos a rapaces e rapazas de entre 6 e 18 anos de idade. Quen queira máis información sobre as actividades previstas ou formalizar a inscrición nas mesmas, ten unha páxina web específica á súa disposición, www.horadocodigo.gal.
Segundo nos conta o CPEIG, as accións programadas nos centros universitarios desenvolveranse coa participación de voluntarios desta entidade profesional. Persoas colexiadas impartirán tamén, a título individual, charlas en centros educativos en Galicia ao longo da presente semana.
Como lembraremos, a Hora de Código é un evento internacional que ten como obxectivo o de ensinar programación e as bases da Informática ás nenas e nenos partindo de titoriais básicos dunha hora de duración. A iniciativa busca estender os coñecementos de ciencias da computación aos máis pequenos e pequenas para que coñezan os conceptos e o mundo no que viven, “unha realidade na que a tecnoloxía está cada día máis presente en todas as facianas, desde o lecer á educación”, explica o CPEIG.
A cita na ESEI de Ourense
A Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) de Ourense organizará unha xornada o sábado día 16 en horario de mañá con máis de 300 prazas dirixidas a rapaces de 6 a 18 anos de idade. A escola universitaria ofrecerá estes obradoiros: Iniciación á programación, Iniciación á programación con Scratch, Iniciación á programación de dispositivos con Arduino, Rapazas nas TIC, iniciación á programación de dispositivos, Coñece a impresión en 3D, Coñece os Drons, Outra Vida do Hardware e Crea o teu mundo- Realidade Virtual.
Actividades na FIC
Pola súa banda, a Facultade de Informática da Universidade da Coruña tamén prevé obradoiros de programación para o vindeiro sábado a partir do mediodía, dirixidos a nenas e nenos de entre 8 e 14 anos de idade. Os talleres terán unha hora de duración, cun total de 120 prazas. Os requisitos para participar son a inscrición previa e que vaian acompañados por un adulto, ademais de levar unha tableta ou ordenador. No caso de non dispoñer deses dispositivos, a FIC emprestaralle un a quen o precise. As nenas e nenos asistentes recibirán un diploma acreditativo da súa participación na Hora do Código.
Code.org
A Hora do Código está promovida desde o ano 2013 pola entidade sen ánimo de lucro estadounidense Code.org. Trátase dun evento internacional que consiste nunha introdución dunha hora de duración ás ciencias da computación, deseñada para mostrar que todo o mundo pode aprender a programar e así comprender os fundamentos básicos desta disciplina. A nivel internacional a iniciativa está apoiada polas grandes compañías tecnolóxicas, como Google, Amazon, Apple, Facebook e Microsoft, e por persoeiros como Bill Gates ou Mark Zuckerberg.
Code.org® é un organismo público a dicado a ampliar a participación en Informática. O seu obxectivo é que todos os estudantes teñan a oportunidade de aprender programación.

PUBLICIDADE