O CPAE 2.0 xa asesorou tecnoloxicamente a 78 empresas da provincia de Pontevedra

mércores, 9 de abril do 2014 Redacción

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra José Manuel Figueroa inaugurou onte o Centro Provincial de Asesoramento Empresarial (CPAE 2.0) aberto na sede viguesa da Administración provincial. Acompañado da deputada Marta Iglesias e de Amancio Varela, xefe do Servizo de Novas Tecnoloxías, Figueroa explicou que esta oficina, dotada con dous profesionais especializados e doce equipos de traballo, atenderá as necesidades de máis de 33.000 empresas de Vigo e a súa área de influencia ata O Baixo Miño.
A oficina, segundo explicou Amancio Varela, estará aberta nun amplo horario para adaptarse ao máximo ás necesidades dos empresarios e as consultas poderanse facer tanto de forma presencial, coma por teléfono ou a través das redes.
Os empresarios atoparán unha orientación especializada sobre como aforrar nas comunicacións da empresa, como xestionar un negocio en liña, controlar o stock da súa empresa dende un dispositivo móbil, poñer en marcha plataformas de comercialización a través das redes, ou implementar ferramentas de xestión e poidan serlles de utilidade.
O vicepresidente da Deputación destacou o grande esforzo que o organismo provincial está a realizar para o asesoramento e atención das pequenas e medianas empresas, así como á xeración de emprego.
Amancio Varela subliñou que estes centros de asesoramento empresarial son un paso importante de cara a romper a brecha dixital que non só se dá entre xeracións ou entre o ámbito rural e urbano, senón tamén entre aquelas empresas con maiores recursos e as que teñen menos.
"Esperamos que estas medidas e, en concreto, este centro de asesoramento de Novas Tecnoloxías contribúan a dinamizar economicamente á provincia", comentou o responsable da Deputación, quen aludiu aos catro plans emprego postos en marcha no que vai de ano e que permitirán a contratación de 1.300 persoas por medio de bolsas de turismo, bolsas para discapacitados, ou contratación de operarios municipais no segundo plan de práctica laboral.
A deputada Marta Iglesias recordou neste sentido que se ampliou ata o próximo 26 de abril o prazo para que as empresas interesadas poidan solicitar a súa participación neste plan.
Durante os 21 primeiros días de actividade nos puntos CPAE 2.0 constátase o acerto de pór en marcha este proxecto xa que máis de 300 empresas asistiron ós actos de posta en marcha en Porriño, Ponteareas, Lalín e Cambados; destas empresas 180 empresas solicitaron asesoramento personalizado e a través da web rexistráronse xa máis de 120 empresas. En total xa recibiron asesoramento 78 empresas cun total de 94 consultas formuladas.

PUBLICIDADE