O COETTGA chama á cidadanía a facer un uso seguro das TIC

martes, 24 de marzo do 2020 S. P.

José Manuel Martínez, decano do COETTGA

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións de Galicia (COETTGA) reuniu ao seu Comité de Expertos, poñéndose todos eles a disposición das Administracións e Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Deste xeito, un nutrido grupo de especialistas de tódolos ámbitos exclusivos dos profesionais das telecomunicacións prestarán o seu servizo e porán o seu coñecemento en áreas como as redes de telecomunicacións; a ciberseguridade; os sistemas de telecomunicación, radioenlaces, microondas…; a intelixencia artificial; a Internet das Cousas; os sistemas electrónicos, microcontroladores, sensorización…; a vixilancia remota; o son e imaxe, a acústica; o Big Data; o Blockchain; os drons e a inspección de telecomunicación, entre outros.
«Podemos realizar estudos de campo urxentes para coordinar o reforzo e garantir as Telecomunicacións, que xogan un papel crítico, e por iso foi declarada como servizo esencial. Desde o Comité de Expertos contamos cos coñecementos, a experiencia e o equipamento para facelo» – salienta Santiago Moroño, experto en sistemas de telecomunicación.
«O teletraballo, a telemedicina, a televisión, a radio, a Internet, os servizos de Corpos e Forzas de Seguridade, as comunicacións telefónicas, e moitos máis servizos son creados, mantidos e mellorados día a día polos enxeñeiros técnicos de telecomunicacións, que son os competentes na xestión de todas esas novas e antigas infraestruturas que permiten que industrias, comercios, sanidade, defensa, transportes , turismo e moitas transversais máis, poidan prestar os seus servizos de forma invisible pero extremadamente eficaz» – engade Prefeuto Meixengo, experto en Telecomunicacións e ex-xefe provincial de Inspección de Telecomunicacións de Lugo.

Heroes anónimos

Despois desta situación na que estamos a nivel mundial, «considero aos Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións como heroes invisibles desta era. O núcleo da nosa profesión é o mantemento das redes e garantir a estabilidade das mesmas. Somos os responsables de garantir as Telecomunicacións entre o fogar, as empresas, os clientes e a Administración», salienta José Manuel Martínez, decano do COETTGA.
Grazas a estes profesionais, os netos poden seguir saudando aos seus avós, unha familia illada pode facer a compra sen moverse da casa, temos os datos de infectados polo COVID-19 en tempo real, os sanitarios e as Forzas e Corpos de Seguridade poden seguir prestando o seu servicio. En definitiva, o motor do noso país segue en marcha grazas as telecos.
«Non se nos ten en conta o suficiente. Nunca un Goberno, as empresas e a sociedade nomearon tanto as Telecomunicacións e chegar a recoñecerlle o rango de servizo básico, pero fálase pouco dos telecos, das persoas. De xeito que, a España dos balcóns non está alporizada, porque está conectada» – engade Martínez.

Advertencia aos cidadáns

Dende o COETTGA advirten de que a cidadanía practicamente está expoñendo publicamente unha imaxe da súa casa, da súa actividade diaria; o que pode comprometer a nosa seguridade nestes días. A Rede está a monitorizarse constante e continuamente, non só agora, senón que esta información (vídeos, fotos, localizacións, etc.) permanecerán na Internet no futuro, polo que calquera podería saber onde vives, coñecer a distribución da túa casa, saber até onde tes os armarios ou que roupa tes en cada armario, algo que debemos evitar, para o que é preciso exercer certa responsabilidade, tanto por parte dos mozos como dos adultos, que actualmente son a poboación máis inconsciente no que respecta ao uso seguro das TIC.

PUBLICIDADE