O COETG-AETG convoca os Premios Galicia das Telecomunicacións 2017

mércores, 28 de xuño do 2017 Redacción

JPEG - 456 KB
Foto de familia da anterior edición da Noite Galega das Telecomunicacións

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) veñen de convocar unha nova edición dos Premios Galicia das Telecomunicacións 2017. Estes galardóns, como de costume, serán entregados no marco da Noite Galega das Telecomunicacións, que vai xa pola súa edición número 22. O evento, sen dúbida un dos grandes acontecementos anuais galegos e estatais en materia TIC, desenvolverase á volta do verán, o 29 de setembro, sendo o seu fío temático a cuestión da ciberseguridade.
Os devanditos recoñecementos divídense en tres categorías:
A primeira é Premio Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector 2017, convocado pola Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e patrocinado pola Fundación Gerardo García Campos e dotado con 6.000 euros. Trátase dunha iniciativa que premia aqueles proxectos empresariais emerxentes no ámbito das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) que representen unha innovación, coa finalidade de darlles un impulso económico, empresarial e social a aquelas empresas que están empezando a súa andaina.
A segunda modalidade, convocada pola Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, é o Premio Gradiant á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC 2017. Coa concesión desta distinción patrocinada pola Fundación Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) e dotada con 1.500 euros, preténdese fomentar a realización de teses doutorais con potencial de aportar valor no mercado como vehículo de xeración de coñecemento e recoñecer a aqueles investigadores das universidades galegas que teñan completada a súa tese doutoral nun eido aplicable ao sector TIC.
Polo que respecta á terceira categoría, convocada tamén pola Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, trátase do Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais 2017, achegado en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) da Xunta de Galicia. Este galardón de carácter honorífico, pretende recoñecer os mellores proxectos no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación que contribúan e aporten beneficios á sociedade.
Segundo lembra o COETG-AETG, toda a información sobre as convocatorias dos premios está dispoñíbel na web corporativa www.aetg.gal.

PUBLICIDADE