O CNTG acolleu a primeira xornada sobre tecnoloxía social do país
venres, 29 de xuño do 2012
O
Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) acolleu o pasado xoves
a que foi a primeira xornada organizada no noso país con vistas a
valorar a utilidade das TIC para mellorar a vida das persoas, sobre
todo no tocante á súa saúde e benestar.
Foi
organizada polo Club
de Amigos de la Tecnología Social,
unha entidade que comezou a funcionar o pasado mes de febreiro en
Madrid, e que pretende levar a cabo unha serie de encontros por todo
o Estado nos que se fale e debata sobre aspectos relativos á
tecnoloxía social, da man de profesionais de distintos sectores que
teñen moito que aportar.
A
xornada, que na nosa Comunidade estivo apoiada por tódalas
asociacións representativas do sector TIC galego e pola AMTEGA,
serviu, entre outras cousas, para poñer en valor a importancia que
adquiriron as novas tecnoloxías nas nosas vidas, así como para
presentar unha serie de produtos e servizos moi útiles para
asegurarlle unha boa calidade de vida á cidadanía.
Algunhas
solucións presentadas durante a sesión foron os SmartKits
de
Elea Soluciones, que fan posible a distribución masiva de tecnoloxía
sen fíos (e de baixo consumo) de sistemas de acceso á vivenda,
acceso a portais, aviso de chamada, aviso perante caídas... que se
instalan de xeito doado e que non precisan ningún tipo de
alimentación para funcionar.
Tamén
se presentou a Inclusite,
unha aplicación que lle permite o acceso a Internet ás persoas que
sofren algunha discapacidade, sen que sexa modificado o contido nin
a forma da web.
A
plataforma
iDigitalBox no Fogar,
presentada por InfoJC, que ofrece unha serie de servizos básicos de
ocio implantados e integrados na vivenda, como TV, Radio, noticias,
RSS, envío de SMS... e que nunha segunda fase se completaron con
servizos de alto valor engadido que melloran a usabilidade, como son
ordes por voz, lectura automática de noticias, teclados
personalizados... un servizo, en definitiva, que mellora a
integración das TIC no fogar e interacción das persoas no
domicilio.
Pola
súa banda, a presidenta da Asociación de Mulleres e Familias do
Rural (AMFAR Galicia) explicou de primeira man o proxecto eStar
Bien,
que consiste nunha plataforma accesible dende calquera dispositivo
(ordenador, televisión ou móbil) que ofrece servizos asistenciais,
laborais e de ocio.
Tamén
asistiu a firma Interacción, que expuxo os beneficios dos videoxogos
para a formación e o ocio; os responsables de Imaxdi, que achegaron
os seus servizos e dispositivos para doentes crónicos de corazón e
os de Mega Sistemas, que presentaron o seu servizo de comunicación
de incidentes críticos no Servizo
de Anestesia.
Segundo
afirman os responsables da xornada, tódalas exposicións, polo seu
carácter práctico, “foron
moi ben recibidas polas persoas asistentes”,
“que
fixeron numerosas preguntas e intercambiaron contactos para realizar
proxectos en colaboración ou solicitar máis información”,
engaden.
“Por
enriba de todo”,
din, “quedou
claro que a tecnoloxía social, as tecnoloxías para a saúde e o
benestar, van dirixidas a todas e cada unha das persoas
independentemente da súa saúde”,
como din que poñía unha diapositiva proxectada, “están
dirixidas aos 47 millóns de españois”.