O CLAG celebra un foro sobre o estándar de televisión híbrida HbbTV

mércores, 20 de marzo do 2013 Redacción

O Clúster Audiovisual Galego (CLAG) celebra hoxe en Santiago un encontro profesional dirixido a avaliar o futuro dos contidos nun escenario vindeiro de cidades intelixentes e conectadas con fogares igualmente intelixentes e conectadas. Máis polo miúdo, a xuntanza servirá para avaliar as posibilidades e oportunidades que fornecería o estándar HbbTV, unha metodoloxía-tecnoloxía de raizame paneuropea que se dirixe á creación dunha televisión híbrida que integre emisións de TV con servizos de banda larga (TV+Web). O encontro en cuestión, que comeza ás 16.30 no Hotel Araguaney de Santiago, é a nova entrega dos foros estratéxicos do CLAG, a desenvolver baixo o seguinte epígrafe: O escenario dixital: Tendencias no mercado da Televisión conectada baseada no estándar HbbTV.
Entre os principais obxectivos deste encontro está presentar os cambios nas tendencias de consumo audiovisual asociados ao incremento da penetración da TV conectada e o seu impacto no desenvolvemento de novos produtos e modelos de negocio das empresas da cadea de valor do sector audiovisual. Durante este foro reflexionarase sobre os retos e oportunidades relacionados co desenvolvemento dun segmento de negocio cuxa facturación se prevé ascenderá a 2,5 millóns de euros en 2015. Ademais poderanse coñecer as estratexias e os modelos de negocio de broadcasters á hora de aportar valor á súa oferta de servizos para aproveitar a oportunidade que representa o mercado da TV conectada. O vicepresidente da Asociación Española de Empresas de Televisión Interactiva (AEDETI), Tomás Cid Ballarín, será o encargado de moderar a mesa redonda, e ofrecerá un relatorio sobre a situación actual da TV conectada en España e os seus retos e oportunidades no horizonte do 2020. Asemade, profesionais como Francisco Asensi, director de Desenvolvemento de Negocio de RTVE.ES, e Esther Medina, xefa da Área de Innovación e Novas Canles da CRTVG, disertarán sobre as estratexias de medios interactivos en broadcasters. Darío Janeiro, director de Contidos e Publicidade Multiplataforma en CINFO, abordará, a través da experiencia da súa empresa, as oportunidades de negocio para PEMEs audiovisuais.

PUBLICIDADE