O CITIUS acolle un congreso sobre exemplos universitarios de emprendemento feminino tecnolóxico

xoves, 12 de decembro do 2013 Redacción

Finalmente deu comezo o Congreso Innovatia 8.3, que anunciamos recentemente en Código Cero e que se dirixe, como dixemos, a promover o emprendemento feminino no ámbito universitario. A cita é na Universidade de Santiago, que promove o evento xunto co Instituto da Muller. Serán dúas xornadas de actividades: a deste xoves e a de mañá venres 13. O congreso, sinala a USC, concíbese como o lugar de encontro das universidades implicadas na transferencia do coñecemento a través da creación de empresas de alicerce tecnolóxico, empresas cun importante compoñente feminino. Celebrarase na USC (no CITIUS) por ser sede do programa Woman Emprende.
A inauguración correu a cargo do reitor Juan Casares, que estivo acompañado pola directora xeral do Instituto da Muller, Carmen Plaza, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella. A continuación, Celia Sánchez-Ramos, da Universidade Complutense de Madrid, desenvolveu a conferencia inaugural, titulada A innovación unha excelente ferramenta na saúde visual.
Eva López Barrio, do programa Woman Emprende da USC presentou logo os procedementos de traballo de Innovatia 8.3 para o apoio á creación de novas empresas. Seguiulle a presentación dos programas universitarios considerados pioneiros en emprendemento como son Innova, da Universidade Politécnica de Cataluña, o Instituto de Ideas da Universidade Politécnica de Valencia; e o propio proxecto Innovatia 8.3 da USC. A sesión matinal rematou coa testemuña de diversas spin-off universitarias españolas, como son Galchimia, da USC; Biprocel, da UPC; ou Titania, da UPV; e a presentación da rede Innovatia 8.3. Pola tarde, as distintas intervencións programadas traen a Compostela a opinión experta de Women CEO, Mujeres & Cia e da Asociación Executivas de Galicia que se completa cunha quenda de intervencións agrupadas baixo o lema Emprendemento feminino internacional: Boas prácticas en Europa e América.