O CITIC traballa nun proxecto europeo para mellorar a calidade do coidado de persoas con demencia

mércores, 14 de maio do 2025 S. P.

Formar a máis de 150 participantes, profesionais sanitarios de eidos como a enfermaría, psicoloxía, terapia ocupacional e traballo social, e estudantes universitarios en disciplinas afíns é a finalidade que ten o proxecto europeo DEDUC, detrás do cal se atopa o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC, en colaboración coa Fundación Universidade da Coruña. Para afondar neste proxecto o luns 12 e o martes 13 de maio levouse a cabo a primeira reunión transnacional que reuniu na Coruña a representantes das sete institucións socias do consorcio transnacional, marcando o comezo oficial desta iniciativa financiada polo programa Erasmus+. Dicir que o proxecto foi aprobado dentro da convocatoria KA220-VET de Erasmus+ (2024), correspondente a asociacións para a cooperación no ámbito da formación profesional, e conta cun financiamento total de 250.000 euros.
O impacto a medio prazo desta proposta inclúe unha mellora na calidade do coidado a persoas con demencia, un maior uso de ferramentas dixitais na formación profesional e unha cooperación europea reforzada no eido sociosanitario.
Para o subdirector do CITIC, Javier Pereira “este proxecto supón unha oportunidade para aplicar o TIC á saúde e ao envellecemento activo, aliñándose coas súas liñas estratéxicas de investigación e innovación con impacto social”.
Indo a DEDUC, sinalar que ten como principal obxectivo mellorar as competencias de estudantes universitarios e profesionais sanitarios no coidado da demencia mediante o desenvolvemento dun programa de formación profesional a distancia, baseado en tecnoloxías dixitais, contidos innovadores e enfoques inclusivos. Esta proposta responde á crecente necesidade de persoal cualificado para atender a unha poboación europea cada vez máis envellecida.
O proxecto está coordinado polo Instituto Politécnico do Porto, en Portugal, e conta cun consorcio transnacional formado por diversas institucións de distintos países: por parte de España a Fundación Universidade da Coruña (FUAC) e o CITIC, a Fundació ACE, Barcelona Alzheimer Treatment & ResearchCenter; por Portugal a Irmandade da Santa Casa da Misericórdia de Riba D’Ave; a ELLINIKI ETAIRIA NO SOY ALZHEIMER KAI SYGGENONDIATARACHON SOMATEIO por Grecia e a SPOMINCICA -Asociación Eslovena de Alzheimer por Eslovenia.
Resumindo o plan de traballo de DEDUC abranguerá diversos aspectos: desenvolvemento dunha plataforma dixital de formación, accesible e interactiva; deseño e implementación dun programa de formación profesional en coidados de demencia (para coidadores e persoal sanitario); creación dun xogo de simulación dixital; redacción dunha guía de transferencia e recomendacións políticas; tradución multilingüe da plataforma e os seus contidos (español, portugués, inglés, grego e esloveno) para garantir a máxima accesibilidade.
Para rematar, dicir que o proxecto terá unha duración de 28 meses, comezando o 1 de setembro de 2024 e finalizando o 31 de decembro de 2026.