O CITIC presenta un proxecto intelixente para optimizar o labor dos cardiólogos

martes, 31 de xaneiro do 2017 Redacción

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Coruña acolleu onte, 30 de xaneiro, a presentación dunha innovadora iniciativa smart para optimizar os tratamentos e intervencións das doenzas relacionadas co corazón e o sistema circulatorio. Trátase do Proxecto Dra. Meknow: Análise, deseño e prototipado dun sistema intelixente de apoio á decisión clínica no ámbito da cardioloxía. Segundo se fixo saber, Dra. Meknow está a ser desenvolvido con axudas procedentes do Programa Conecta PEME e ten como obxectivo dar forma a unha ferramenta smart de xestión integral para o coñecemento médico que posibilite aos facultativos para tomar sempre as decisións máis acaidas no ámbito da cardioloxía.
No acto tamén se de a coñecer que a iniciativa está a ser desenvolvida en consorcio por Health in Code, Allenta Consulting e Antón Campos Consultores. Ademais, procurouse a participación do CITIC para impulsar tecnoloxicamente a iniciativa, dando forma “a un proxecto de I+D+i de enxeñaría de software que se adapte á casuística e natureza concreta da área da cardioloxía”, en palabras dos responsábeis do CITIC. O centro coruñés tamén fixo saber que os obxectivos máis técnicos do proxecto pasan “por deseñar un repositorio de coñecemento médico, a construción dun motor de intelixencia artificial que permita procesar e interpretar os datos, a construción de interfaces amigábeis que faciliten a relación cos profesionais e a introdución estruturada de variábeis, regras e algoritmos”. Ademais, preténdese lograr que o sistema resultante sexa un apoio referencial para as decisións clínicas no ámbito da cardioloxía.

PUBLICIDADE