O CITIC participou nun hackathon europeo para crear solucións contra a COVID-19

martes, 28 de abril do 2020 Redacción

Un equipo formado por membros do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña participou nunha maratón informática europea para plantar cara, con tecnoloxías avanzadas tipo Big Data e Machine Learning, á actuar crise sanitaria e social derivada da COVID-19. Máis polo miúdo, participaron no hackathon europeo EU vs virus, organizado pola Comisión Europea a través do Consello Europeo de Innovación e en colaboración cos Estados membros da UE.
A quedada tivo o obxectivo de conectar á sociedade civil, innovadores, socios e inversores de toda Europa co fin de desenvolver solucións innovadoras para os desafíos relacionados co coronavirus.
O equipo no que participou o CITIC, baixo o nome Let’’s move by the deconfining!”, estivo formado polo vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC e investigador do CITIC, Salvador Naya; a investigadora da área de Enxeñaría Nuclear da UDC, Sonia Zaragoza; a integrante a área de Proxectos Europeos de I+D da OTRI da UDC, Dores Pérez Brun; a responsábel da Unidade de Proxectos Europeos do CITIC, Ana Almécija; e a enxeñeira aeroespacial de Airbus Francia, Blanca de la Iglesia.
Os participantes tiveron 48 horas para colaborar a través de diferentes plataformas online e construír unha solución ao abeiro das áreas de desafío. A proposta do CITIC foi o desenvolvemento dunha aplicación de software para facer monitoraxe do proceso de desconfinamento, baseada na análise de datos e en aprendizaxe máquinas. O vindeiro 30 de abril coñeceranse os proxectos ganadores nunha cerimonia de premios en streaming.

PUBLICIDADE