O CITIC participa este 24 de setembro na G-Night con actividades divulgativas

xoves, 23 de setembro do 2021 S. P.

Este venres 24 de setembro vaise celebrar, nas nosas sete cidades e da man das nosas tres universidades, un dos grandes eventos científicos e tecnolóxicos da tempada: o evento G-Night, a Noite Galega das Persoas Investigadoras, un acontecemento de divulgación que se celebra de forma simultánea en toda Europa, dentro da Noite Europea das Persoas Investigadoras. En Galicia a actividade está coordinada pola UVigo, coa implicación das tres universidades e diferentes centros e institutos tecnolóxicos e de investigación. Por exemplo o Centro de Investigación TIC da UDC (o CITIC), que compartiu o seu programa de actividades.
En concreto, o CITIC toma parte no evento con visitas guiadas ao Demostrador Tecnolóxico, dirixidas tanto a estudantes de Secundaria e Bacharelato como ao público xeral. O Demostrador Tecnolóxico do CITIC, recentemente inaugurado, é unha sala de divulgación da actividade investigadora, de innovación e de transferencia realizada no centro. “Trátase dun espazo único na Comunidade”, explica o CITIC, salientando o seu potencial para formar estudantes e persoal investigador e fomentar a diseminación do coñecemento xerado e a difusión das tecnoloxías á contorna social e económica.
As visitas guiadas ao Demostrador Tecnolóxico do CITIC, cuxa asistencia é gratuíta, terán lugar o venres 24 de setembro nos seguintes horarios:
10:00 h – Visita presencial para estudantes de educación secundaria
11:00 h – Visita virtual para estudantes de educación secundaria
12:00 h – Visita presencial para estudantes de educación secundaria
13:00 h – Visita virtual para estudantes de educación secundaria
16:00 h – Visita presencial para público xeral
17:00 h – Visita virtual para público xeral
18:00 h – Visita presencial para público xeral
19:00 h – Visita virtual para público xeral
Ademais, os/as investigadores/as do CITIC Paula Castro, Adriana Dapena, Daniel Iglesia, Óscar Fresnedo e Francisco Vázquez organizan o obradoiro familiar Como sería a nosa vida sen os circuítos eléctricos?, que se celebrará no MUNCYT A Coruña.

PUBLICIDADE