O CITIC organiza en setembro a primeira edición do Congreso XoveTIC

mércores, 8 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

Á volta do verán, o Centro de Investigación TIC da Coruña (o CITIC) vai organizar a primeira edición dun evento que quere abrir portas ao talento da nosa mocidade. Trátase do primeiro Congreso XoveTIC, que se celebra os días 27 e 28 de setembro. XoveTIC oriéntase a investigadoras e investigadores novos (predoutorais e postdoutorais), que presentarán comunicacións orais ou pósteres das súas propostas ou contribucións coa finalidade de potenciar a colaboración entre universidade e grupos de investigación. O obxectivo tamén é “construír un espazo de encontro para o debate científico e contribuír á súa formación”.
Segundo salienta a organización do evento, cuxa inscrición é de balde, trátase “dunha oportunidade ideal para compartir investigacións nun ambiente colaborativo e distendido”. Quen queira recadar máis datos sobre o congreso, pode facelo na web específica habilitada polo CITIC. A xuntanza terá lugar na propia sede do centro de investigación, no Campus de Elviña da Coruña.
O programa inclúe, entre outras moitas actividades, conferencias plenarias a cargo de Petia Radeva e Antonio Bahamonde, comunicacións orais dos novos investigadores, xantar de networking, obradoiros de 5G e ciberseguridade e exposicións de pósters.

PUBLICIDADE