O CITIC ofreceu un obradoiro de robótica para nenas e nenos inmigrantes

mércores, 18 de xullo do 2018 Redacción

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña desenvolveu hoxe un obradoiro de robótica para nenas e nenos emigrantes. E fíxoo a través da súa colaboración coa ONG coruñesa Equus Zebra. Segundo informa o centro, asistiron á actividade unha vintena rapaces con idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos. O obradoiro levouse a cabo nas instalacións de Equus Zebra baixo o título Taller de programación visual gráfica con Scratch e Makey Makey e foi impartido polo subdirector do CITIC, Javier Pereira, e demais persoal do centro.
Grazas á iniciativa, os pequenos tiveron a oportunidade de dar conta dalgúns dos avances levados a cabo no ámbito da robótica, amais de ter ao seu alcance a posibilidade de probalos en primeira persoa a través de diferentes xogos.
Segundo informa o centro coruñés, a finalidade do obradoiro foi introducir á rapazada nas ferramentas dixitais, amais de favorecer a integración dos pequenos en risco de exclusión social (botando abaixo muros e salvando fendas) pola vía tecnolóxica. Ademais, o CITIC ten o obxetivo de “consolidarse como un axente clave na cidade de A Coruña” e reafirmar o seu compromiso con iniciativas sociais e culturais, “fomentando ademais a transferencia de coñecemento á sociedade”.
Equus Zebra é unha ONGD (Organización Non Gobernamental para o Desenvolvemento) adicada á integración socio-laboral de persoas en risco de exclusión, sen ánimo de lucro e aconfesional, fundada no ano 2000 en A Coruña.

PUBLICIDADE