O CITIC incorpórase á plataforma anti-fenda de xénero Women in Digital Forum
martes, 12 de agosto do 2025
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña foi admitido como membro institucional do Women in Digital Forum, unha iniciativa clave impulsada pola Unión Europea no marco do programa Digital Europe. Esta adscrición reforza o compromiso do centro da UDC “coa promoción da igualdade de xénero no ecosistema dixital”.
O Women in Digital Forum é unha plataforma estratéxica de alto nivel que traballa para abordar as causas estruturais da fenda de xénero no ámbito dixital. A súa misión é “xerar recomendacións políticas concretas, mobilizar a cooperación entre distintos axentes sociais e fomentar prácticas inclusivas que involucren a responsables políticos, líderes do sector, institucións educativas e sociedade civil en toda Europa”.
En liña co informe sobre o Estado da Década Dixital 2024, o Foro contribúe activamente ao obxectivo europeo de duplicar o número de especialistas en TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) para 2030 e aumentar a participación feminina neste sector ata polo menos un 40 %.
Participación en grupos temáticos
O CITIC achegará a súa experiencia en tres dos catro grupos temáticos de traballo do Foro, centrados en fomentar a presenza de mulleres na educación superior e na formación profesional vinculadas ás TIC, mellorar a súa participación nas primeiras e medias etapas da carreira profesional no ámbito dixital, e promover o seu acceso a posicións de liderado dentro do sector. A través destas liñas de colaboración, o centro quere “contribuír á construción dunha transformación dixital máis inclusiva e equitativa”.
Co fin de garantir “unha participación sólida e especializada”, o Grupo Permanente de Igualdade do CITIC designou o pasado 14 de xullo a María Suárez Taboada como persoa de contacto para coordinar as accións no marco do Foro.
En palabras do centro coruñés, a incorporación ao Women in Digital Forum supón “un paso decisivo para consolidar o papel do CITIC como axente activo na promoción da igualdade de oportunidades no ámbito tecnolóxico, aliñándose coas prioridades estratéxicas da Unión Europea para a próxima década dixital”.
Apoio á Comisión Europea
O Foro apoiará directamente á Comisión Europea e aos Estados membros na consecución dos obxectivos establecidos no programa estratéxico da Década Dixital. En particular, enfocarase en mellorar a participación das mulleres na educación e nas carreiras dixitais, promover ecosistemas de innovación dixital inclusivos, e reforzar a reserva de talento da UE mediante políticas equilibradas en materia de xénero.
