O CITIC implícase nunhas xornadas que avaliarán o potencial do numérico na protección da cidadanía
xoves, 27 de novembro do 2014
- Bertha Guijarro, vicecoordinadora responsábel científico do CITIC
As xornadas
que avanzamos onte sobre computación e seguridade, a desenvolver
os días 15 e 16 de decembro na Facultade de Informática da Coruña,
contarán coa implicación total do
Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das
Comunicacións, CITIC. De feito, o centro coruñés uniu as súas
forzas ao instituto galego ITMATI
para a organización e o desenvolvemento destas xuntanzas. Trátase
como dixemos onte das Xornadas
sobre Seguridade, Defensa, Tecnoloxías Matemáticas e
Computacionais, uns encontros que buscan xuntar canles e ligazóns
entre tecnoloxía matemática e numérica e os ámbitos empresariais
dirixidos á protección en calquera das súas moitas manifestacións.
O CITIC, no seu
compromiso “coa transferencia tecnolóxica”, participa por
segundo ano consecutivo na organización e desenvolvemento da
xornada, encabezada polo Instituto Tecnolóxico de Matemática
Industrial (ITMATI) xunto a outras entidades como o Centro Superior
de Estudos da Defensa Nacional (CESEDEN), o Instituto Matemático
Interdisciplinar da Universidade Complutense de Madrid (UCM) ou a
Universidade da Coruña (UDC).
Durante a xornada, sinala
o centro coruñés, sucederanse diversos relatorios de gran interese,
entre os que cómpre salientar o de Bertha Guijarro Berdiñas,
vicecoordinadora responsábel científico do CITIC, que falará sobre
a experiencia do centro en proxectos de transferencia de coñecemento
e valorización de tecnoloxías. Tamén participará nunha mesa
redonda na que se debaterá sobre a tecnoloxía matemática e
computacional como ferramenta de innovación no ámbito da seguridade
e a defensa.
As xornadas darán comezo
o luns 15 coa apertura oficial de actividades a cargo do vicerreitor
de Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Ricardo
Cao. Tamén intervirá o delegado de Defensa na Coruña, José Abad
Vilas, e o catedrático de Matemática Aplicada e investigador do
CITIC, Carlos Vázquez, membro do comité organizador. A
continuación, falará a profesora e investigadora Peregrina
Quintela, directora do Instituto Tecnolóxico de Matemática
Industrial, ITMATI.