O CITIC exhibe os seus desenvolvementos robóticos ante 20 estudantes do Colexio Sagrado Corazón da Coruña

luns, 20 de marzo do 2023 S. P.

O pasado 16 de marzo a sede co CITIC no Campus de Elviña (UDC) acolleu a visita dun grupo de 20 alumnas e alumnos de 2º de Bacharelato do Colexio Sagrado Corazón, Franciscanas, da Coruña. Tras unha breve exposición das liñas de actividade do centro, o alumnado puido coñecer da man de Alejandro Mosteiro, responsábel da Unidade de Sistemas do CITIC, algúns proxectos do ámbito da robótica, como o Robobo, deseñado integramente por persoal investigador do CITIC, ou o NAVE, robot que conta con diversos mecanismos e sensores para realizar todo tipo de movementos e tarefas.
Tamén puideron coñecer algúns proxectos do ámbito médico como o eBack, un dispositivo que permite corrixir alteracións da columna vertebral relacionadas coa postura.
A continuación, o grupo visitou o Centro de Proceso de Datos e o laboratorio de Realidade Virtual e Localización. Neste último, o investigador Manuel Lagos realizou unha demostración da plataforma plataforma Virtuix Omni Prol que permite desprazarse de forma ilimitada nunha contorna de realidade virtual e emprégase no CITIC para a práctica de habilidades físicas e cognitivas en persoas con discapacidade.

PUBLICIDADE