O CITIC e a unidade mixta UDC-Navantia lévannos ao miolo da Industria 4.0

luns, 11 de marzo do 2019 Redacción

Esta semana, o xoves 14 de marzo, a sala Cloud do Centro de Investigación TIC (CITIC) acollerá un encontro sobre os novos xeitos intelixentes de producir e xerar riqueza, dende unha óptica galega e co punto de mira na industria innovadora do transporte por mar e terra. Estamos a falar xornada Novas Ferramentas da Industria 4.0: Solucións de PTC para IoT, Realidade Aumentada e Machine Learning. Está organizada polo CITIC e a Unidade Mixta da Universidade da Coruña e Navantia, contándose coa colaboración das empresas PTC e Integral PLM.
A xornada estará impartida por Carlos Cosials Ruiz, experto en Internet das Cousas de PLM Integral, e por Josep Ortega, responsábel de desenvolvemento e canle de negocios para Iberia & MEA de PTC. O seu principal obxectivo é dar a coñecer aos asistentes a súa plataforma de IoT e realidade aumentada así como distintas solucións que integran as contornas físicas e dixital (CAD, CAE, PLM) para, en palabras do CITIC, “reinventar a maneira de deseñar, fabricar, operar, amañar ou manter os produtos na Industria 4.0”.
A xornada, de inscrición gratuíta, está dirixida a investigadores e membros da comunidade universitaria. Para máis información da xornada cómpre que visitemos a sección de eventos da web do CITIC.

PUBLICIDADE