O CITIC da UDC avanza en educación STEM inclusiva a nivel europeo con Talentos Inclusivos

luns, 9 de febreiro do 2026 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) participou recentemente na terceira reunión internacional do proxecto Erasmus EDIGIT (European Dixital Inclusive Guide for Innovative Teaching), a versión europea do programa Talentos Inclusivos do centro coruñés.
Esta iniciativa internacional impulsa a inclusión educativa mediante metodoloxías dixitais innovadoras, e o CITIC forma parte do consorcio achegando a súa experiencia a través do citado programa.
O obxectivo principal de EDIGIT é promover a participación das persoas con discapacidade na transición dixital, fomentando enfoques inclusivos no ensino das disciplinas STEM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas). Para iso, o proxecto desenvolve unha ampla gama de recursos prácticos dirixidos a profesorado, educadores, especialistas en discapacidade, expertos en TIC e calquera persoa interesada en avanzar cara a unha educación STEM máis accesible e inclusiva.
O encontro, celebrado os días 5 e 6 de febreiro na sede de Hand in Hand Foundation, en Budapest, contou coa participación de Javier Pereira, subdirector e investigador principal do proxecto e Irene Brage, xestora de proxectos da iniciativa. Á representación do CITIC sumáronse as profesoras Beatriz Méndez (IES Rego de Trabe) e Paz Freire (IES Zalaeta) cuxos centros participan desde hai varias edicións no programa Talentos Inclusivos do CITIC.
Durante a reunión, os participantes revisaron os avances alcanzados ata o momento —o proxecto atópase actualmente no seu ecuador— e presentáronse as conclusións preliminares do contido dos módulos formativos que están a desenvolver os distintos socios. Así mesmo, debateuse sobre o deseño dos módulos, as ferramentas de autoavaliación e compartiuse un primeiro avance dunha das actividades crave do proxecto: a formación de formadores. Esta sesión presencial, prevista para 2027, marcará a primeira implementación real dos materiais formativos, a través de sesións dirixidas a docentes xa outros perfís vinculados coa educación, a inclusión e o terceiro sector.
Ademais, abordáronse aspectos relacionados coa comunicación, a difusión e a xestión do proxecto, así como a planificación de futuras reunións internacionais. A xornada incluíu unha visita guiada pola cidade de Budapest, favorecendo a interacción entre os socios e o intercambio de boas prácticas.
O proxecto EDIGIT, liderado por CITIC, conta coa participación de seis institucións de cinco países europeos: Academia José Moreira da Silva (Portugal), Kezenfogva Osszefogas A Foyatekosokert Alapitvany – Hand in Hand Foundation (Hungría), Gymnázium Jiřího Gutha-Jarkovského (República Checa), ASPACE Coruña (España), Polo Europeo della Conoscenza – IC Bosco Chiesanuova (Italia) e On Projects Advising SL (España).
Desde o CITIC sublíñase “a importancia desta colaboración internacional para crear recursos educativos que fomenten a inclusión e a equidade na educación dixital”.
Tecnoloxía sen barreiras
Talentos Inclusivos é un proxecto desenvolvido polo CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da UDC (Universidade da Coruña) e ASPACE Coruña, e que conta co apoio da FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades; o Consello Social da UDC; o Concello da Coruña e a Xunta de Galicia. O seu obxectivo é espertar vocacións STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics) entre os mozos e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos expostos por persoas con parálise cerebral. A través deste proxecto, estudantes de secundaria e bacharelato de diversos institutos de Galicia, terán que buscar solucións tecnolóxicas a unha serie de retos que serán propostos por usuarios da entidade ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE, APAMP e Cruz Vermella A Coruña.