O CITIC da UDC activará un innovador programa de doutoramento co-financiado pola Comisión Europea

xoves, 11 de marzo do 2021 S. P.

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña obtivo unha axuda de 650.000 euros por parte da Comisión Europea para a posta en marcha de 3-i ICT (international, interdisciplinary and inter-sectoral Information and Communications Technology PhD Programme), un innovador programa de captación de talento pre-doutoral excelente que, segundo explica o CITIC, permitirá a captación a nivel internacional de 8 investigadores/as que se integrarán nos equipos de investigación do centro coruñés.
A axuda recibida enmárcase nas accións COFUND do programa marco de investigación e innovación Horizonte 2020 da Unión Europea, dentro das prestixiosas Accións Marie Sklodowska-Curie.
O programa 3-i ICT conta con presuposto total de 1,3 millóns de euros e tamén contará con co-financiamento da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia e a Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Trátase do primeiro programa concedido a unha institución galega dentro da convocatoria europea MSCA-COFUND, que ten como obxectivo “a creación e mellora de programas de formación integrais para impulsar a carreira investigadora, ofrecendo unha formación integral e excelente tanto en aspectos científicos como transversais”.
Este programa terá unha duración de 5 anos. O novo persoal investigador, un total de 8 investigadores/as predoutorais que se captarán a nivel internacional, desenvolverán as súas teses doutorais interdisciplinarias relacionadas coas liñas de investigación principais do CITIC: Intelixencia Artificial, Ciencia e Enxeñaría de Datos, Computación de Altas Prestacións, Servizos e Redes intelixentes, así como a área de investigación transversal, a Ciberseguridade.
O persoal investigador contratado será seleccionado “tras un rigoroso proceso de selección”, explicaron fontes do centro coruñés, engadindo que “poderá proceder de calquera país do mundo”. Amais, deberá inscribirse nos Programas de Doutoramento da UDC afíns ás liñas de investigación do CITIC.
As teses doutorais contarán cun elevado compoñente intersectorial e internacional, posto que incluirán estancias en recoñecidas universidades, así como en prestixiosos centros de investigación e empresas de dentro e fóra de España.
Segundo o director do CITIC, Manuel F. González Penedo, “a obtención dun proxecto COFUND supón para o CITIC un gran logro a nivel institucional e permitiranos aliñar as políticas e programas de captación de talento investigador cos estándares establecidos pola Comisión Europea en materia de recursos humanos en investigación”. Tamén destacou que “constituirá unha mellora da excelencia científica, avanzando no posicionamento do centro a nivel internacional”.

PUBLICIDADE