O CITIC da UDC acolle a terceira edición do International Workshop on 5G Communications

mércores, 17 de xullo do 2019 Redacción

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña vén de converterse na capital mundial da tecnoloxía 5G coa celebración da terceira edición do International Workshop on 5G communications (IW5GC2019), que comezou este martes 16 de xullo e remata mañá, día 18. Organizado xunto coa Universidade de Tongil (China), recibiu a visita de máis de 30 asistentes internacionais.
Este evento, que reúne a persoas graduadas de diferentes universidades españolas e chinesas, exerce, en palabras do CITIC, de “punto de encontro e de intercambios académicos, para ofrecer unha descrición xeral dos avances da investigación actual no modelado de canles para comunicacións de quinta xeración”. Ao fío do devandito e poñendo o foco na importancia de intercambiar coñecemento arredor de tecnoloxías avanzadas e relevantes (un dos grandes obxectivos do CITIC), o centro coruñés salienta que “a celebración deste evento de referencia internacional é para nós un orgullo; un xeito de compartir coñecemento, experiencias e innovación no campo da tecnoloxía 5G”, afirma o director do CITIC, Manuel F. González Penedo.
Cuestións como sistemas de alta frecuencia, comunicacións masivas MIMO, esquemas dúplex completos, comunicacións de vehículos, escenarios de terra e aire e comunicacións ópticas, codificación 5G, optimización da rede, melloras á rede de acceso de radio ou a optimización do control de recursos de radio, entre outras, foron abordadas nesta xornada, que rematará mañá co peche das sesións de workshop e a entrega de diplomas no paraninfo da reitoría da UDC. Este acto de peche contará coa presencia do reitor da UDC, Julio Abalde, o director do CITIC, Manuel Penedo, e o coordinador do grupo de Tecnoloxía Electrónica e Comunicacións da UDC, Luis Castedo.

PUBLICIDADE