O CITIC aposta pola confluencia entre empresas e investigadores para a súa formación de outono

martes, 18 de novembro do 2014 Redacción

O CITIC está a amosar unha importante actividade formativa nesta tempada de outono. Esta vontade divulgativa do centro tecnolóxico coruñés caracterízase, en palabras dos seus responsábeis, por ser unha formación especializada na que conflúen empresas e investigadores. Así, o pasado 16 de outubro comezaba no centro o Curso Avanzado de Programación en Dispositivos Móbiles con Android, unha actividade que pretende capacitar aos asistentes no desenvolvemento de aplicacións profesionais avanzadas para dispositivos móbiles Android, “cun enfoque eminentemente práctico”.
Os participantes desta actividade, engade o CITIC, teñen a oportunidade de afrontar o deseño dunha aplicación desde que nace como prototipo até a súa publicación no mercado ou a súa distribución ad hoc, entre outras moitas cousas. A persoa responsábel de impartir este curso é Pablo Formoso Estrada, licenciado en Enxeñaría Informática pola Universidade Europea de Madrid e socio fundador de Softwhisper, empresa adicada ao desenvolvemento de aplicacións para dispositivos móbiles, desde o ano 2010.
Outra das contribucións formativas do CITIC é o Curso de Dirección e Xestión de Proxectos TI baixo Metodoloxía PMI con Microsoft Project, que deu comezo o pasado 26 de setembro. O principal obxectivo é que os asistentes coñezan os conceptos da dirección e xestión de proxectos TI, os principais procedementos e o vocabulario estándar do PMI Project Management Institute. Esta actividade está organizada por Vitae Consultores en colaboración co CITIC, impartida polo profesor Carlos González Jardón, enxeñeiro técnico en Informática de Xestión pola Universidade de Vigo e executive MBA pola Universidade Pontificia de Comillas quen traballa arestora en Tecnocom como coordinador de Proxectos de Banca e colaborando coa Oficina de Proxectos de NCG.

PUBLICIDADE