O CITIC acollerá en xuño a visita de IBM, Esterel e a Oficina de Investigación Naval dos EE UU

mércores, 11 de xuño do 2014 Redacción

Exterior do centro de investigación TIC con sede no Campus da Coruña

O CITIC, centro tecnolóxico con sede no campus da Coruña, anunciaba onte o seu apoio na organización de dous importantes eventos de intercambio de coñecemento tecnolóxico e investigador, por unha banda o evento SAM 2014 e pola outra o CERI 2014. Pois ben, este mércores fontes do centro engaden que os vindeiros días as instalacións do CITIC en Elviña recibirán a visita de empresas e organizacións internacionais senlleiras en diferentes ámbitos do coñecemento avanzado. Sen ir máis lonxe, ao longo deste mes de xuño acollerase unha delegación de IBM, Esterel Technologies e o Departamento de Defensa dos EE UU.
Estas visitas responden a unha das grandes arelas do centro galego: a de fomentar ao máximo a colaboración e a transferencia, tanto a nivel galego, como estatal e transfronteirizo. “Dende a creación do CITIC”, explican, “este recibe de maneira continua as visitas de representantes de empresas e organismos internacionais que buscan coñecer de primeira man os proxectos de investigación que se desenvolven no centro”.
Deste xeito, durante o mes de xuño será visitado o día 12 por Elisa Martín Garijo (directora de Tecnoloxía de IBM España, Portugal, Grecia e Israel), que coñecerá de primeira man o centro galego e algúns dos seus principais proxectos de investigación. Segundo explican fontes do CITIC, cómpre ter en conta que a multinacional IBM é a principal provedora de tecnoloxías da información e consultoría de todo o mundo. Días máis tarde, o día 17, acudirán á Coruña diversos representantes de Esterel Technologies, compañía propiedade de ANSYS, provedor líder de software de simulación de enxeñaría. A delegación de Esterel manterá un encontro con representantes do centro galego para coñecer as aplicacións das súas investigacións en campos aeroespaciais e de defensa, ferrocarril, enerxía e industrial.
Por último, está prevista para o día 26 unha cita con profesionais de Office Naval Research, organismo de industria naval de Estados Unidos pertencente ao seu Departamento de Defensa.

PUBLICIDADE