O CITIC acolle un obradoiro sobre como usar a IA para materializar prototipos funcionais

luns, 9 de marzo do 2026 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña acollerá os días 11 e 12 de marzo o obradoiro presencial De idea de negocio a prototipo con IA e linguaxe natural en 2 días, unha actividade intensiva e práctica dirixida a persoas interesadas en converter unha idea nun primeiro prototipo funcional empregando ferramentas de intelixencia artificial. Este obradoiro está organizado polo Consello Social da UDC e o Consello Social da USC.
A formación propón unha experiencia de aprendizaxe 100 % práctica na que as persoas participantes poderán transformar unha idea inicial “nunha primeira versión visible e funcional”, xa sexa unha web ou unha mini aplicación, sen necesidade de contar con coñecementos previos de programación, informou o CITIC, engadindo que ao longo de dúas sesións, as persoas asistentes seguirán un proceso guiado que lles permitirá pasar de “ter unha idea” a dispoñer dunha demo funcional que poidan presentar, testar con usuarios e usuarias e continuar mellorando logo.
O obradoiro está pensado tanto para persoas que están a emprender como para perfís que precisan prototipar solucións de maneira áxil, entre os que se inclúen alumnado universitario, profesionais de distintos ámbitos, persoal investigador ou equipos que traballan en proxectos internos.
Durante a actividade, as persoas participantes desenvolverán un prototipo ou demo funcional listo para amosar, ao tempo que adquirirán un método de traballo para mellorar a súa proposta inicial e un guión de prompts que poderá aplicarse a outros proxectos.
O curso celebrarase nas instalacións do CITIC en horario de tarde o día 11 de marzo, entre as 16:00 e as 20:00 horas, e na mañá do día 12 de marzo, entre as 10:00 e as 14:00 horas. A actividade contará con 45 prazas e desenvolverase en formato presencial e práctico, con acompañamento durante todo o proceso de creación do prototipo.
A formación será impartida polos especialistas en intelixencia artificial xenerativa Daniel Alías e Álvaro Sánchez Villanueva. As persoas interesadas deberán acudir cun portátil con conexión a Internet e unha conta de correo electrónico para poder rexistrarse nas ferramentas que se empregarán durante as sesións. A inscrición para participar no obradoiro xa está dispoñible en liña.