O CIM da Mancomunidade de Ordes empoderará dixitalmente ás mulleres da comarca

xoves, 29 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

O Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Ordes está a organizar estes días unha serie de actividades formativo-tecnolóxicas para favorecer a empregabilidade das veciñas dos seis concellos integrantes da entidade. Trátase das accións incluídas no programa Enredando, a través do cal, dezaseis mulleres recibirán adestramento dixital para empoderarse dende o punto de vista persoal, fortalecer cadanseus currículos, mellorar e actualizar coñecementos, optimizar a capacidade para facer trámites dixitais coas administracións e, tamén, favorecer a procura de emprego.
A iniciativa abrangue unha serie de xornadas de balde nos municipios integrados na mancomunidade, sesións que van servir (en termos máis concretos) para introducir ás participantes no emprego dun computador, dun smartphone e dunha tableta. A primeira edición será en Trazo, entre o 27 de agosto e o 11de setembro, de 17 a 20 h. As actividades proseguirán en Tordoia, entre o 2 e o 17 de setembro, para logo estenderse a Oroso, Ordes, Mesía, Frades e Cerceda.
Os obradoiros tamén porán o foco en empoderar ás mulleres para interrelacionarse coas entidades públicas a través das ferramentas da Administración Electrónica, por exemplo para facer trámites, xestións e comunicacións co SERGAS, a Seguridade Social, Facenda ou as administracións locais (os concellos).

PUBLICIDADE