O CESGA ponse ao servizo do sector biotecnolóxico da nosa terra

xoves, 30 de novembro do 2017 Fernando Sarasketa

O pasado venres 17 de novembro, o Centro de Supercomputación de Galicia acolleu unha xornada sobre cálculo avanzado e servizos na nube en colaboración con Bioga, o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida. A xornada, que se celebrou na sede do CESGA en Santiago, serviu para mostrar as principais necesidades das empresas integradas na entidade e, tamén, para amosar o potencial e as capacidades do Centro de Supercomputación en materia de cálculo de alto rendemento e almacenamento de datos. Segundo se fixo saber no encontro, o noso sector “bio” consume a día de hoxe o 20% da capacidade de computación do CESGA e copa, ademais, o 30% dos recursos de almacenamento do centro.
Na xornada interveu o director do CESGA, Javier García Tobío, quen lembrou que o centro “é unha ferramenta fundamental para a competitividade do sector biotecnolóxico da nosa Comunidade”, un sector que integra unhas empresas con “necesidades moi relevantes de cálculo e de almacenamento de datos”. Segundo engadiu, aí da de hoxe “algo máis dunha ducia de empresas galegas deste ámbito traballan xa co CESGA, así como diferentes grupos de investigación das universidades galegas e doutras Comunidades e do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC)”. Entre estas empresas e grupos, recordou, atópanse AllGenetics, MD Use!, Affinimeter o Glecex, cuxos casos de éxito foron debullados no transcurso da xornada.
Segundo os cálculos de García Tobío, o sector biotecnolóxico require dunha parte importante dos recursos do CESGA, o que vén motivado polas demandas especiais de disciplinas como a xenómica ou a nanomedicina, ámbitos de investigación que producen mancheas de datos que cómpre almacenar para logo poder tratalos e tirarlles proveito.
Na xornada participaron medio centenar de empresas de Bioga, abordando exemplos de computación, cloud e acubillos de información. Impartiron charlas os doutores Aurelio Rodríguez e Carlos Fernandez, técnico superior de Aplicacións e administrador da Área de Sistemas do CESGA, respectivamente, tras unha presentación de Ramón Basanta, responsable de Transferencia do centro. Os asistentes coñeceron diversos casos de uso e debateron sobre as necesidades das empresas do sector en computación, almacenamento e comunicacións. O director do CESGA, ao remate da xornada, mostrou as instalacións.
Seguindo engadiu García Tobío, “para estar na vangarda e sermos competitivos é crucial que teñamos a capacidade de manexar e almacenar información”. Neste senso, engadiu, o CESGA ofrece o uso de infraestruturas de computación e almacenamento de datos, define solucións tecnolóxicas adaptadas ás necesidades de cada empresa e fornece de consultoría e asesoramento sobre plataformas de computación, simulación, modelado, datos inxentes (Big Data), aprendizaxe a distancia (eLearning) ou GIS. Como exemplos concretos destas demandas atendidas das firmas de biotecnoloxías, puxo o foco nas necesidades computacionais do deseño de novos fármacos, un eido no que é preciso coñecer a dinámica molecular ou desenvolver novas moléculas, e para iso “faise preciso elaborar simulacións sobre cal vai ser o comportamento das mesmas”. Segundo engadiu, no deseño de novos medicamentos, antes e despois de probas de laboratorio, cómpre levar a cabo centos ou milleiros de simulacións.
Bioga é unha asociación empresarial sen ánimo de lucro que aglutina ás organizacións integradas na cadea de valor do sector biotecnolóxico que teñen a súa sede en Galicia. O Clúster traballa para mellorar o emprazamento competitivo do sector galego, buscando melloras competitivas e a xeración de negocio mediante o impulso de accións e servizos directamente dirixidos ás empresas deste ámbito.

PUBLICIDADE